CIENCIAS DA EDUCACIÓN E O DEPORTE

Firme compromiso coa transformación da sociedade

20161130104838406_result
photo_camera O acto abriuse co descubrimento da placa que recoñece a facultade como membro da rede.

unha placa recoñece á facultade como membro da Rede de Escolas Unesco

Un compromiso cos dereitos da infancia e cunha educación capaz de transformar a sociedade. Isto é o que simboliza para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a placa que a recoñece na súa entrada como o único centro universitario que actualmente forma parte en España dunha rede que integra a máis de 10.000 escolas de 181 países.

“Isto non é un ornato, mostra un compromiso cunha educación que transforma ás persoas e o mundo”, salientou a coordinadora da Rede de Escolas PEA-Unesco en Galicia, Luísa Márquez, responsable de descubrir esta placa xunto co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no inicio do acto no que este centro do campus pontevedrés conmemorou o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

Un acto, organizado polo profesor Jorge Soto, que tiña como obxectivo poñer de relevo a situación dos refuxiados e refuxiadas, cuxo drama se viu representado polo mar de mantas térmicas despregado no acceso á facultade e que serviu tamén para reivindicar a erradicación da violencia machista no día internacional da loita contra esta lacra social. 


Tras recibir no mes de maio a avaliación positiva da comisión internacional á súa incorporación a esta rede impulsada desde esta organización das Nacións Unidas, que ten como obxectivo o fomento dunha educación para o desenvolvemento sostible e a promoción dos valores da paz, os dereitos humanos, a cooperación internacional e o diálogo intercultural, a facultade celebrou a súa constitución como membro da mesma nun acto presidido polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o vicepresidente da Xunta; o decano, Vicente Romo; a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, o coordinador da Comisión PEA-Unesco do centro, Miguel Cuevas, Soto e Márquez. 

Te puede interesar
Más en Universitas