Opinión

O galego, cuestión de país

A gravísima minorización da nosa lingua propia resulta inadmisíbel de todo, nomeadamente se temos en conta o desleixo, cando non animadversión, amosados pola Xunta dende que Feijóo decidiu rachar o consenso lingüístico que permitiu a aprobación da Lei (1983) e do Plan (2005) de Normalización. O galego é unha cuestión de País e unha cuestión de cidadanía: compre levar á rúa o debate sobre a lingua, sobre como queremos promover e recuperar o seu uso, sobre que recursos queremos destinar a estas fins. E falarmos dos tres alicerces que habería ter esta actuación cidadá: identidade, dereitos lingüísticos e desenvolvemento económico.

 Promovermos o galego é unha evidente cuestión de identidade. A nosa lingua (presente, dun ou doutro xeito en 280 millóns de persoas aló polo mundo) e a nosa cultura son as principais creacións do noso pobo. Sen lingua e cultura, Galicia perde personalidade, equipárase a Murcia ou á Rioxa. Pensen de verdade, con independencia da traizón ás nosas raíces, se tal nos convén. Sen identidade somos o 5,5% da poboación e o 5% do PIB do Estado. E, para máis, os sectores económicos para nós estratéxicos son para o Estado prescindíbeis. Si, si que temos moito a gañar co aquel da identidade.

 Máis tamén é unha cuestión elemental de dereitos lingüísticos. O galego é a lingua propia de Galicia e plenamente oficial neste país, dacordo co noso Estatuto. Mais somos moitas as persoas que queremos vivir e traballar en galego e non podemos, mesmo de xeito máis limitado canto menos autonomía persoal e económica se posúa. Non só é unha cuestión de atención lingüística nos nosos concellos, hospitais ou servizos de atención telefónica. Tamén temos dereitos lingüísticos, hoxendía non plenamente tutelados, a respecto da administración de xustiza e na nosa dupla cualidade de traballadores e consumidores. Urxe regular os dereitos lingüísticos no ámbito laboral e de consumo, que hoxe son ámbitos absolutamente desregulados. 

 E co galego progresamos económicamente. Tanto polas grandes potencialidades do achegamento á lusofonía como pola nosa identificación no mundo como país de noso, a efectos turísticos e de investimento exterior. De non ser polo galego, teríamos o actual bó nivel profesional no noso audiovisual?

Son os países os que progresan e non as provincias. 

Te puede interesar