Cultura

O galego, nexo de unión de ciencia e arte nunha mostra

photo_camera Asistentes á inauguración da mostra, no centro cultural Marcos Valcárcel. Á dereita, Valentín García.

A exposición, dentro de Igaciencia, foi aberta polo secretario de Política Lingüística, Valentín García

Paneis interpretativos para pór de manifesto as conexións que distintas obras manteñen coa ciencia; reproducións de obras de arte; obras orixinais 3D de Manuel Díaz, e materiais para realizar un pequeno obradoiro nas visitas guiadas que teñan lugar durante os días de exposición, son os contidos básicos da mostra "Arte e Ciencia". A exposición foi inaugurada onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sendo  a primeira das actividades coas que a Secretaría Xeral  abre o Mes da Ciencia en Galego, celebración que pretende poñer en valor o uso do idioma propio de Galicia no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida en galego.


Nesta exposición, promovida pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, prima a compoñente didáctica e divulgativa, tanto da ciencia coma da arte, e durante o tempo que se atope no Centro Cultural realizaranse visitas guiadas e talleres con escolares. 
García Gómez agradeceu o traballo de Igaciencia para aproximar a investigación á sociedade sempre en galego, "co propósito de demostrar a total validez da lingua galega para a produción e a divulgación científicas", sinalou.


A Institución Galega de Ciencia é unha asociación que ten entre os seus fins concienciar sobre a importancia da I+D+i no desenvolvemento de Galicia; achegar á sociedade a investigación; promover o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicas, e tamén participar en actividades divulgativas que transcurran no eido científico.  

A mostra conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, e estará  aberta ata o 20 de outubro. O seu obxetivo é abordar como se relacionan entre si a ciencia, as matemáticas, a tecnoloxía, a arte e a vida. O aspecto é a presentación animada e un conxunto de paneis que mostran, paso a paso, o método compositivo do artista Juan Gris. Na mostra preséntanse múltiples aspectos xeométricos que rexen a construción das obras de arte, pero tamén se fai explícita a influenza de diversas investigacións científicas como o contraste de cores ou a análise de símbolos en galego.

Te puede interesar