Opinión

Ilusión que mingua

O máis salientable do filme “Sky Captain e o mundo do mañá” (2004) é que é a primeira película da historia do cine que contou con actores reais, pero no que absolutamente todo o resto do decorado é dixital. Esta primeira obra de Kerry Conran resulta, na súa impresionante plasmación na pantalla o último do último no que a efectos especiais se refire, unha especie de nova fronteira para a fantasía, xa que todo o que vemos na pantalla, se exceptuamos ós actores, que son de carne e óso, todo o demais é pura ilusión e apaixonante xogo virtual. 

O que vemos é fascinante, pero o que nos conta xa non é tal; ou dito doutra maneira, a historia queda á mesma altura dunha simpleza tan sinxela que custa aceptar ese baixón de calidade, esa mingua de interese. De todas formas é unha película chea de inventiva visual e ambición narrativa. Mestura unha época tan atractiva como os anos trinta e corenta con auténtica ciencia ficción.

Mágoa que por culpa dun guión pobre e cheo de clichés, de lugares comúns e por opcións estéticas, o filme decaia en forza e ritmo. Unha pena, porque ningunha película, por grandes efectos especiais que teña, se sostén se non hai algún tipo de empatía coa sorte dos seus personaxes.

Non obstante, é unha película interesante, de aventuras retro-futuristas, con estética de cómic e un bonito xogo de sombras, filmada, como dixemos con actores reais pero con decorados dixitais que fan o filme bastante atractivo e ademais de ser algo orixinal. A longametraxe está baseada nunha curta de 6 minutos do mesmo director, que rodara alá polo ano 1998. En realidade, os primeiros minutos de “Sky Captain e o mundo do mañá” son a propia curta en si (mellorada, claro), polo que o resto, 100 minutos, tivo que encherse cunha historia, que, como dicimos, fallou bastante.

Do elenco de actores hai pouco que contar, tanto Jude Law como Gwyneth Paltrow simplemente están porque teñen que estar e Angelina Jolie é un caso á parte, precisamente porque asoma moi pouquiño polo filme. A nota curiosa apórtaa Sir Laurence Oliviar, rescatado de fotografías e imaxes de arquivo, e a súa presenza impón, por suposto.

Te puede interesar