Opinión

O importante é consumir?

Non importa se fai falla, o obxectivo é consumir...”

Ise podería ser o mantra, a letanía ou a cantinela que escoitamos constantemente a través de todos os medios e do Goberno en forma de publicidade. Parece que a sociedade actual é o que precisa para seguir viva e téndose en pé. E por si o asunto non estaba claro acollemos cos brazos abertos o chamado “Black Friday”. Xa podemos engadir ise termo ó importante número de barbarismos importados de EEUU e que parece que aceptamos de moi bo grao. E fago esta afirmación pois dá a sensación de que todo o que se lle ocorre ou ven dos ianquis é bo e temos que darlle a benvida.

Que lonxe quedan os tempos nos que o consumo non tiña o significado que hoxe ten: que lonxe quedan os anos nos que so se mercaba o que se precisaba; que lonxe quedan os días nos que a roupa e outros obxectos duraban moitos anos e nos que a escasa publicidade que había non era tan incisiva como a actual.

Pero, por mor da globalización, entramos nun tempo novo, onde o importante é consumir de maneira acrítica; de mercar sen meditar; de poñer o que uns gurús da chamada moda deseñan e nos aceptamos sen máis; de sentirnos donos dun espazo vital por termos un obxecto ou un modelo de coche que case non precisamos. Estamos na vida moderna, na que precisa satisfacer máis o ego persoal e aparentar que cubrir as necesidades que son vitais.

Pero esta nosa sociedade, a da tecnoloxía, a das comunicacións e a do plasma, tamén ten as súas fraquezas. Tamén ten as súas eivas. Non é perfecta, pois resulta moi fráxil, superficial e valeira. E para moitos bastante frustrante, pois vive sumida nunha hipocrisía que todos aceptamos. Camiña soamente baseada na vida sen obxectivos que superen o estritamente económico e persoal. Por iso caben moitas preguntas. A primeira sería: consumir é necesario? Pois si, pero de maneira racional. E seremos capaces de manter este noso ritmo de vida nun futuro próximo? Parece que vai ser moi difícil, pois a nosa sociedade vive dándolle as costas a moitas cuestións básicas para o futuro da humanidade e haberá que afrontar moitos trocos e reformas que hoxe desprezamos.

En fin, cando as ansias de consumismo desmesurado se apoderan da sociedade, e todo funciona polo principio de ter a toda costa sen control, é un indicativo de que a racionalidade vai perdendo espazo. E vaino facendo para darlle satisfacción ós impulsos un tanto primarios. E por iso aparecen estas datas nas que ninguén regala nada, pero que están postas para mercar de maneira irreflexiva e impulsiva. Cando se potencian na sociedade costumes importadas que so pretenden que merquemos sen control é que estamos a perder, en certa medida, algo da nosa personalidade e, aínda que non o pareza, tamén da nosa liberdade individual.

Te puede interesar