"A memoria asolagada" recolle as fotografías publicadas no libro de X. Luis Martínez, que fai unha viaxe pola Limia no antes e no despois da lagoa
O Museo da Limia acolle no seu interior a exposición "A memoria asolagada", unha colección de fotografías que mostran a transformación da lagoa da Antela tras a súa desecación.
O autor da obra, Xosé Luis Martínez Carneiro, recolle no seu libro a través dunha serie de fotografías todo o proceso no que a lagoa perdeu a súa auga doce, ademais da súa fauna e vexetación.
A mostra, que se poderá visitar ata o 7 de outubro no Museo da Limia, en Vilar de Santos, esta aberta ao público todos os sábados e domingos.
O motivo é que "aproveitando o 60º aniversario da desecación da Lagoa de Antela decidimos realizar unha serie de actividades coas que recordar e analizar os efectos que supuxo este feito para a comarca da Limia", explica o coordinador da exposición, Antón Jardón.
Martínez Carneiro, veciño da comarca da Limia, foi o encargado de realizar un amplio percorrido fotográfico polas diferentes caras da Lagoa. "Un dos obxectivos que persigue esta actividade é incitar ao debate e á reflexión sobre o tratamento que facemos acerca do medio natural, en especial, na Limia", indica Jardón.
A Lagoa de Antela, transformada no ano 1958, caracterizábase por ser "o lago de auga doce máis grande da Península Ibérica, polo que temos que tomar consciencia dos efectos que supuxo a súa desaparición". Neste sentido, indica Antón que intentan "traer ao pensamento a perda que supuxo, tanto a nivel histórico como a nivel medioambiental, pola desaparición de flora e fauna da zona".