UNIVERSITAS

Investigadores de Forestal avalían o rendemento enerxético do chopo

O equipo que lidera o catedrático Luis Ortiz encárgase de estudar o comportamento en caldeiras desta especie

Por tratarse dunha especie de crecemento rápido, que medra de novo a partires de raíces ou escallos, o chopo é unha árbore empregada frecuentemente como cultivo enerxético noutras partes de Europa, mais non en Galicia, onde este tipo de cultivos se atopan moi pouco desenvolvidos, segundo explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Luis Ortiz.

Avaliar o seu potencial como fonte de biocombustible para caldeiras e a súa viabilidade como cultivo enerxético de curta rotación en Galicia é un obxectivos centrais dun proxecto de investigación liderado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Roque Rodríguez e no que un equipo de investigadores da EE Forestal, liderados por Ortiz, encárgase de estudar o rendemento enerxético de oito clons desta especie, pouco implantada nesta comunidade.

Financiado polo Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias (INIA), no marco do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2013-2014 do Ministerio de Economía y Competitividad, o proxecto Biomasa para la bioeconomía: produciendo, modelizando y valorando cultivos forestales comezou a desenvolverse o pasado ano 2015 da man do grupo de investigación que coordina Rodríguez na Escola Superior Politécnica do campus de Lugo, e ao que se suman tamén investigadores da Facultade de Física da USC e da EE Forestal. Concretamente, Ortiz encárgase, xunto con Juan Luis Rodríguez e Antonio Vázquez, da última fase do proxecto.

Te puede interesar
Más en Universitas