Opinión

La Romántica

Se cadra La Romántica non ten ocupado moitas liñas na prensa, nin nas revistas gastronómicas ou turísticas. Pero é o restaurante popular máis exitoso e que máis alegrías en temas de cuchipanda leva dado aos ourensáns desde hai, a ollo, uns trinta anos. Eu -e gábome delo- fun dos clientes dos primeiros días, cando o negocio era enteiramente familiar; coas fillas noviñas e rebuldeiras atendendo veloces as mesas, a muller organizando todo, e o pai, administrando sabedoría e excelencia a través dunha carta suficiente, ben dominada, rápida, áxil, abondosa, desde a cociña. Son cliente moi esporádico do lugar -son pouco de comer fóra da casa- pero si, declárome fan, porque cando vou comer fóra gústanme, sobre todo, tres cousas: calidade, prezo e boa cara. E esta miña querenza por La Romántica non é nada rara. Póñelles o exemplo ao xeito dos tempos contemporáneos. Se un busca en Google Maps “restaurantes de Ourense” aparécelle un planiño da cidade con moitos puntos destacados con marquiñas vermellas cun garfo e un coitelo. Se clican nunha delas, accédese á información básica (enderezo, teléfono, horario, etc.), ás opinións dos usuarios e á valoración que lle dan en base cinco, e adoita ser variada e bastante fiable posto que Google non filtra. Evidentemente, un pode facer unha campaña positiva entre un par de ducias de amigos para que lle poñan as máximas cualificacións, pero logo, o resto, os clientes normais, escriben o que lles peta. Se furgan en varios restaurantes, verán como as indicacións maioritarias se corresponden bastante ben coas súas experiencias. Pois ben, La Romántica aparece con 1.136 opinións, das que a inmensa maioría (máis que todas as demais xuntas) son cinco estrelas. A continuación, virían as cualificacións de catro estrelas, máis que todas as inferiores xuntas; e así, progresivamente ata as 18 que lles pareceu mal ou pésimo o local. E deses dezaoito, só hai tres que á parte de votar, puxeran as razóns. Dúas delas son ben simpáticas: “Excelente relación calidad/precio”, e “Pues está muy bien”, polo que sospeito que os opinadores deberon pensar que 1, o “as”, era o mellor e 5 o peor. A outra quéixase de “un lugar ideal para hacer cola además para comer uno encima de otro”, cousa que é bastante certa, pero non invalidante, polo que se ve. As outras quince negativas, se se enganaron na mesma proporción, quedarían en cinco. En calquera caso, fíxense, estamos falando de dezaoito sobre 1.136 opinións, no peor dos casos, representarían pouco máis de un de cada mil. En ningún dos outros restaurantes de Ourense chegan a 500 os comentarios. Nin a Casita do Pulpo (488), nin o Pingallo (282), nin o Habana 83 (193) por citar tres de todos coñecidos e tres excelentes, segundo a miña opinión; cada un no seu estilo.

Pero fuxamos de estatísticas. A mellor é, sen dúbida, ver as colas que se forman diante do local. Un que é alérxico ás colas, ve nesas serpes de xentes de todas as idades e posicións, o mellor síntoma de aprecio do traballo que alí se fai.

O outro día observando a inmensa foto mural de Xenebra que preside o comedor desde o último reacondicionamento do local, lembrei unha conversa daquelas tempos iniciais sobre a cidade na que el estivera de emigrante, e de onde trouxo a pericia precisa para erguer este templo da comida popular. En fin, a seguir facendo as cousas ben.

Te puede interesar