Opinión

Lección de paz e penitencia

Botando o pensamento para atrás, a semana pasada, para un servidor, non é que deixase moitas novas dignas de mención. Así, sen parar mentes, só me sae a morte, ós 100 anos, do primeiro presidente da Xunta de Galicia, don Gerardo Fernández Albor, que en paz descanse, e a salvación, por fin!, dos nenos tailandeses.

Porque, claro, falar do Mundial xa non procede; e non só porque rematase, senón porque xa falei abondo noutros relatiños e nas redes sociais. Así é que, non habendo moito, déuseme por buscar nos meus papeis e atopeime cunha noticia que tamén me fixo trasladar o pensamento para tempos pasados.

A noticia, en concreto, asomou nun xornal galego o 11 de setembro de 1913 e facía referencia á lección dun home sobre uns “señoritos”. No santuario dos Milagres, en Baños de Molgas, un mozo duns 28 anos, que seica estaba potente, robusto e que respiraba saúde por cada poro da súa pel, axeonllouse á entrada do Santuario e, de xeonllos, seguiu en dirección á igrexa.

Como se lle vía na cara que padecía abondo (digo eu que pola penitencia e pola dor nos xeonllos), un cabaleiro aproximouse e ofreceuse a levalo da man, algo que o mozo aceptou axiña e agradecendo o detalle. A ver!, desa maneira era máis fácil de cumprir a promesa.

Pero cando chegaron á entrada do atrio, asomaron por alí catro paspáns, catro pasmóns vestidos de señoritos, que ó ver a aquel rapazolo de xeonllos, non fixeron outra cousa que botarse a rir. O labrego, sen andar con días santos (por moi sagrado que fose o lugar), ergueu e repartiu moi sinxelamente, coma quen non quere a cousa, catro labazadas que deixou ós papaleisón coa vergonza cubríndolles o rostro.

O penitente deixouse caer de novo de xeonllos e seguiu o seu camiño para prostrarse ós pés da Santiña do Medo. Imaxino que ante a imaxe bendita soltaría aquilo de: aquí paz e despois gloria. A paz impartiuna el aínda que fose polas bravas e a gloria seguro que lle chegou tan axiña como lle suplicase á Santiña pola súa penitencia. É esta a tal como para non contentar ós seus peregrinos. Con todo o que lle queremos. Na miña infancia e na adolescencia aínda vin a moitos peregrinos facendo ese percorrido de xeonllos.

Te puede interesar