Opinión

Lembranza da Irmandade Galega

No ano 1967, hai medio século, o mundo abaneaba. Tanto pola “Guerra dos Seis Días” na que, coa axuda norteamericana, Israel vencía os países árabes progresistas, como polo conflito no Congo, a tráxica secesión de Biafra, a guerrilla nas colonias portuguesas, o asasinato do Che Guevara en Bolivia, e a intervención dos Estados Unidos en Vietnam. Era un tempo de pulo dos procesos revolucionarios, de conquistas pra clase obreira e os movementos de liberación nacional. Tamén de crecemento da economía e de avance dos dereitos democráticos. 

No plano persoal, ese sería un ano decisivo pra min, xa que contactaría co galeguismo na República Arxentina, comezando así a miña militancia organizada no nacionalismo. Volvía dunha clase de física na Universidade de Enxeñería, cando lin nun cartel do Centro Ourensán algo referido a unha mostra sobre a cultura galega, polo que baixei na seguinte parada do “colectivo” (bus). Entrei e falei cos organizadores, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Vendo o meu interese, utilizaron toda a súa capacidade pra me achegar ao galeguismo. Mais non era necesario. Contesteilles que estivera un ano na Galiza, todo o 1962, despois de emigrar coa miña familia á Arxentina en 1951, e que o que vin convencérame da falta de democracia, de que se trataba ás xentes da aldea como un povo conquistado, e que só con soberanía se mudaría esta situación.

Estiven durante algúns meses colaborando na Asociación. Porén, quería ter unha participación máis activa. E despois de moito teimar, faláronme da Irmandade Galega. A esta entidade, situada no Centro Ourensán, cheguei unha tarde noite, canso despois de traballar na fábrica e estudar na Universidade durante o resto do día, aínda que moi motivado. Na Irmandade atopei un fato de persoas maiores, o que me chocou: eu tiña 21 anos. Porén, axiña descubrín que había moito en común: as orixes populares, o amor á Terra, o dar valor á xustiza, á democracia, e á solidariedade. Ao meu pai, e aos paisanos das terras de Celanova que escoitaba lembrar vivencias e arelas non satisfeitas, cando era un cativo, no barrio de Haedo en Bos Aires, así como aos compañeiros e compañeiras de militancia na esquerda arxentina na loita contra as ditaduras de Onganía, Levingston e Lanusse, débolles tanto ou máis que todo o que levo lido sobre a historia galega e doutras nacións e da teoría marxista (que coido esencial para entendermos a realidade). 

Agora, medio século despois, quero lembrar aqueles irmandiños: Moisés Dapresa e Bieito Cupeiro, non só polo seu amor á patria galega, senón ademais pola súa capacidade de análise, polo seu compromiso e coherencia. Non eran os únicos. Alí estaban: Ricardo Flores, Manuel Pedreira, Lois Guede, Daniel Nogueira, Manuel Lema, Ricardo Montero..., que participaban activamente na Irmandade Galega entre 19767 e 1972 (neste último ano, decidín retornar a Galiza pra me incorporar á loita contra o franquismo, animado polas folgas xerais en Ferrol e Vigo). Uns eran comunistas, outros anarquistas, outros socialdemócratas, mais todos nacionalistas. Grazas a eles comecei a coñecer a historia do país, souben do “Gallego Soto” e da revolta na Patagonia, relacioneime con Luís Soto que vivía en México. Coñecín, entre moitos outros, a Antón Alonso Ríos e Luís Seoane, Manuel Cordeiro, Xerminal Filgueira, Avelino Díaz, e puiden participar, entre outras, na reunión que tiveron a Irmandade e o Consello de Galiza con Celso Emilio Ferreiro. 

A Irmandade Galega foi pra min un paso decisivo. Unha desas casualidades da vida, pra un mozo sen ningún vencello familiar na esquerda e o galeguismo. Aínda que, como xa dixen, o fermento viña de antes, da aldea, da emigración, da loita pola dignidade, do contexto internacional, dun mundo en transformación. 

Te puede interesar