AGORA É NOTICIA

Libros salvavidas para quen “non quere matar nin ser asasinado”

20170426114124171_result

As publicacións foron doadas por particulares e institucións e seguirán recolléndose ata hoxe

Segundo a ONU falecen cada día 14 persoas tratando de chegar a Europa fuxindo de guerras, persecucións e fame; en 2016 foron 5.000 as persoas que perderon a vida tratando de cruzar o Mediterráneo. Unha crise humanitaria que levou ao persoal da Biblioteca Universitaria a implicarse empregando as súas ferramentas de traballo, os libros. O proxecto Libros salvavidas trata de que cada libro sirva para axudar a aqueles que cruzan un mar na procura dun futuro; unha doazón de libros solidaria cuxa venda achegará recursos económicos destinados ao rescate das e dos refuxiados que foxen da guerra e da morte. E é que como explicaban no coloquio inaugural desta campaña solidaria, que tivo lugar no Centro Comercial de Cidade Universitaria, representantes de ONGs, voluntarios, xornalistas e políticos, o que realmente queren as persoas que chegan ás fronteiras europeas “é vivir, salvar a súa vida, non morrer e non ter que matar para seguir vivos, é unha cuestión de pura supervivencia”. Nesta mesa redonda, coa que se inaugura unha semana de mercados solidarios de libros nos tres campus, participaron Alberto Agrelo, bombeiro que colabora coa ONG Proem-Aid; o ilustrador e deseñador Iago Araújo, que estivo de voluntario no campo de refuxiados Oinofyta (Grecia); o fotógrafo documental Felipe Carnotto e a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que visitou os campamentos de Calais e Idomeni.

Estas actividades son froito do traballo realizado polo persoal da Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo, que leva semanas recollendo, clasificando e organizando os exemplares doados por particulares, institucións e polos propios escritores e escritoras que se involucraron nesta iniciativa. O que naceu como unha proposta para o campus de Vigo foi crecendo exponencialmente ata chegar a preto de 3.000 libros recollidos nos tres campus que se están a vender nos diferentes centros da Universidade a un prezo de 4 euros (10 no caso de estar asinados polos escritores e escritoras) ata hoxe. Estas novelas, cómics, libros de cine, de música, libros infantís, de poesía, etc. transformaranse en axuda para os refuxiados a través da doazón á ONG Proem-aid, que socorre as persoas que chegan por mar á illa de Lesbos. Ademais, os Libros Salvavidas terán un peche especial cunha actuación de maxia a cargo de Leo Leiño o día 6 de maio ás 18.00 no colexio Santiago Apóstol de Vigo. 

Te puede interesar
Más en Universitas