Lobeira, Lobios e Pontedeva melloran as infraestruturas

Baltar revisou proxectos viarios, empresariais e termais feitos coa cooperación da Deputación

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, realizou onte unha visita a diferentes infraestruturas que se están a desenvolver nos concellos de Lobeira, Lobios e Pontedeva en cooperación co organismo provincial. Os proxectos que revisou abranguen áreas como a empresarial, as redes viarias e o termalismo. 

Baltar percorreu as obras acompañado polos alcaldes e membros dos equipos de goberno locais. Segundo o presidente da Deputación, “estas iniciativas supoñen, nuns casos, melloras nos servizos viarios e de abastecemento de auga, e noutros, contribúen á promoción turística e tamén a potenciar a economía destas contornas da Baixa Limia e de Terra de Celanova”.

A primeira das visitas foi a Lobeira, onde Manuel Baltar se reuniu co alcalde, Antonio Iglesias, e co equipo de goberno e de seguido, visitou as obras realizadas na localidade da Fraga e na estrada OU-1263, nas que a Deputación de Ourense investiu un total de 60.000 euros para a mellora de servizos básicos e acondicionamento do firme. Asemade, o presidente provincial achegouse ata as instalacións da “Porta de Lobeira”, edificio onde visitou o Centro de Interpretación da Etnografía do Parque Natural da Baixa Limia–Serra do Xurés.

 Posteriormente, no Concello de Lobios Manuel Baltar reuniuse coa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, e visitou os terreos onde se construirá a futura residencia de maiores de Lobios, e percorreu tamén a zona termal, na que se prevé acondicionar os exteriores do balneario con piscinas ao aire libre para aproveitar as altas temperaturas que ofrecen as augas termais do municipio. 

Baltar e Yáñez concordaron en que estas iniciativas contribúen, por unha banda, a mellorar a prestación de servizos aos cidadáns e fixar poboación e, en canto ás infraestruturas termais, situar a Lobios como un referente do termalismo.

Actividade empresarial en Pontedeva

A rolda de visitas polos concellos da provincia rematou no concello de Pontedeva, onde Manuel Baltar mantivo un encontro cos empresarios do Polígono Industrial de Trado. Baltar estivo acompañado polo alcalde, Juan Carlos González Carbajales, con quen analizou temas de interese para este pequeno municipio da comarca de Terra de Celanova en materia de infraestruturas, rede viaria e proxectos de desenvolvemento económico local. O concello, que ten 645 habitantes e 9,9 kilómetros cadrados de extensión, conta cunha importante actividade empresarial no polígono de Trado, con algo máis dunha ducia de empresas que superan o centenar de empregados. Precisamente a importante actividade empresarial motivou recentemente un investimento de 95.600 euros para a mellora dos accesos ao polígono a través dun vial de acceso de case 150 metros de lonxitude dotado cos mesmos servizos que os viais interiores.

Te puede interesar