Opinión

'O LUSITANO', DESDE 1930

Afirmaba Álvaro Cunqueiro, un dos nosos máis grandes gastrónomos, que Galicia posúe a mellor despensa de Occidente. En Ourense, no 'Lusitano', no concello de Lobios, a mesa galega ten colmado os paladares máis exquisitos e esixentes, a través de tres xeracións familiares para un mesmo obxectivo: ser referente gastronómico do Xurés galego, na Baixa Limia, da máis tradicional cociña galega que se poida degustar desde antes da guerra ata hoxe mesmo; sempre a base dos produtos naturais da terra. No 'Lusitano', a gastronomía convértese en pracer humano desde a relación do home coa súa alimentación e o seu medio ambiente, en pleno Xurés. A gastronomía é sen dúbida unha das características esenciais que define a identidade cultural dun pobo; isto resulta particularmente acertado cando falamos da Baixa Limia, e do interior máis interior de Galicia, na casa de ben comer que é o mesmo que dicir 'O Lusitano'.


Derívame Javier -o noso amigo, amigo universal ao que se lle resisten os detractores, coñecido como 'o Javier do Lusitano'- o 'Anuario industrial y artístico de España', con data de 1931. Neste antigo manuscrito, Javier faime observar que o 'Restaurante Lusitano' data de 1930, polo que xa son oitenta anos de vida, ofrecendo os exquisitos produtos da terra, extraídos cunha sabiduría que é filla dun saber culinario. Oitenta anos e ¡tres xeracións familiares! Desde o fundador que, procedente do veciño concello de Amares (Braga-Portugal), chegou as terras de Lobios para traballar nas minas de Sombras; referímonos a Luís Díaz Machado, avó paterno dos actuais xerentes. Así naceu, por iniciativa deste portugués e dunha galega de Lobios ?Joaquina Díaz Boga- a 'Fonda Lusitana', como aínda se coñece. A segunda xeración, composta por Luisa Díaz Boga (Lola) e Francisco Silva Silva, adaptouse as necesidades do tempo, polo que ao que estaba sendo fonda e café bar, engadiuse a carnicería, sempre coa observancia das necesidades do momento e a explotación dos recursos propios da terra, a carne bovina e da caza... E a terceira xeración, encabezada por 'o Javier do Lusitano', que transformou o negocio en hotel-restaurante máis cafetería-pub, en outra nova e actual adaptación ás necesidades e demandas. ¡Voulles delatar un segredo para moitos!: Con Javier perdeuse un grande defensa central para o fútbol provincial e de Galicia; para estar na terceira xeración do negocio familiar, porque chegado o momento decantouse: ir axudar ao negocio de Lobios, e deixar a cidade e o fútbol. Pero os seus antigos amigos, xogadores do Benfica, veñen a visitalo, e Javier os trae por aquí; non hai moito puidemos charlar co extremo dereito Xosé Augusto na tertulia deportiva de 'Afiador'.


Disfrutar da mellor gastronomía tradicional da Baixa Limia, os pratos e sobremesas que contribuíron a paliar a fame nos tempos da guerra e posguerra, e algúns só se disfrutaban en días de festa. Aqueles primeiros pratos de empanada artesán, lacón con grelos, zarrabullo, callos limiaos, e sobremesas de formigos, migallas, que aínda hoxe pódense degustar. ¿Cantas veces dise que a fame agudiza o enxeño? Así ocorreu cos formigos, rica sobremesa da zona, onde o enxeño se agudizou nos primeiros tempos para aproveitar as sobras; elaborado de ingredentes como o pan duro, leite, ovos, azucre e sal, elabórase a sobremesa. ¿A preparación?, lle poden dar a receita no 'Lusitano'.


Pero a incesante evolución gastronómica do local cohabita, sen embargo, coa maxestosa preparación para a degustación dos produtos típicos e propios do lugar: o cocido, carnes e os callos limiaos, ¡por suposto! Pero o que desexe a máis variada, mellor e rica degustación de carnes de caza con arroz, non encontrará outro lugar mellor. ¡En fin!, a gastronomía desta parte da Baixa Limia, e concretamente no 'Lusitano', susténtase nunhas materias primas de excepcional calidade, propias da natureza, e a súa cociña tradicional soubo sempre eludir inxustificadas sofistificacións que puideran encubrir as súas características naturais. Todo tan verídico como que vindo dunha cea a base de arroz de caza, un dos convidados sentenciou 'esta noite non vou lavar os dentes; quero seguir disfrutando do sabor da cea'.

Te puede interesar