LITERATURA

Maio do 68

20180718183341246_result

Patricia Badenes desgrana en “fronteras de papel” cómo se vivía en España os acontecementos do maio do 68 francés. Badenes fala de feitos, e nomeadamente, de contextos. Un traballo rigoroso.

O maio do 68 comezara, ante de en ningún outro sitio, en Santiago de Compostela. Xusto cando morría xaneiro, en torno a unha estatua (un antroido que sabe Deus que terá sido dela) inaugurada polas autoridades académicas. Co consabido acompañamento de apupos e berros e o cántico do “Gaudeaumus Igitur” e, tamén, do “Venceremos Nós”. Que en Santiago pasaran cousas ese curso, ese ano, aparece no libro que teño diante miña. Certo que despachado en pouco espazo, lóxico se pensamos que fora o tempo, “de vivre”, en París, Berlín, Praga, Berkeley, México (aquí, así mesmo, de morrer: matanza da Praza das Tres Culturas). Un tempo de coutar con todo o que se cociñaba nas alturas, capitalistas, comunistas, por máis que de todo aquilo ficara o regusto acedo de que o sistema tiña un estómago potentísimo, disposto para dixerir canto lle botasen. O fondo, sumamente tráxico, o da Guerra do Vietnám.

Aquí, entre nós, a contradicción era dobre. Pois que o sistema se apoiaba nunha dictadura, co que a revolución contracultural (e iso foi, sobre todo, o Maio do 68) non posuía un fundamento democrático, de democracia burguesa, contra do que ir. Daquela a loita era outra, e por iso o libro de Patricia Badenes Salazar fala de feitos e, nomeadamente, de contextos. Xa que as dictaduras, sábese, informan moito mellor do que acontece fóra de portas que no interior.
Eis a razón pola que os corresponsais españois no estranxeiro tivesen a oportunidade de nos ilustrar polo miúdo do que acontecía en Nanterre (por exemplo).

Ou en Mèxico; boas as crónicas de José María García, “Butanito”, si, desde México, onde cubría os XX. OO. Por certo, Badenes Salazar recolle as informacións do corresponsal do “Arriba” en París. Quen se ceba nos estudantes señoritos (semellantes a obreiros, mas dos que non choian) e –aínda máis- nas mozas de esquerdas, cun cigarro nunha man e un “cacharro” na outra. Isto verbo das anécdotas porque o volume do que me ocupo hoxe ten moita categoría no concepto. A partir do rigor da súa feitura, debidamente contextualizado o tardofranquismo, incapaz de se manter alleo a canto viña de fóra. Quedáballe como compañeiro o Portugal de Salazar, mais este habería de finar antes, enleado nunha guerra colonial.

Te puede interesar