infraestruturas

Máis de 90.000 euros para melloras en Nogueira e Leiro

A Consellería de Medio ambiente fará posibles obrasen prazas, accesos e fachadas en ambos concellos 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará cos concellos de Nogueira de Ramuín e Leiro para executar dúas actuacións de acondicionamento e mellora de espazos públicos. A titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, firmou os convenios de colaboración cos rexedores destes municipios e en virtude dos cales a Xunta investirá en total 90.341 euros –o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante correrá a cargo dos respectivos concellos.

En Nogueira de Ramuín, o proxecto ten por obxectivo acometer unha mellora integral da praza na que está localizada a Casa Consistorial. As obras programadas inclúen o levantamento do borde da curva que dá acceso á praza para anchear e facilitar o trazado, ao tempo que se colocará un pavimento continuo similar ao existente xa na zona.

Así mesmo, actuarase tamén na fachada e nos accesos á Casa Consistorial. Dotarase ao edificio dunhas escaleiras para comunicar a fachada principal coa posterior salvando así a falta actual dun itinerario peonil entre ambos. Por outra banda, substituirase o piar de formigón a vista do concello por un máis pequeno e limparase de forma manual o muro perimetral de pedra. O custo ascende a 71.286 euros dos cales a consellería aportará 49.900 euros e o Concello de Nogueira de Ramuín 21.386.

En Leiro, os traballos consistirán no acondicionamento da contorna do Campo da Feira municipal, unha actuación cun custo estimado de 57.773 euros, dos que o 70% -40.441 euros- serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente e o 30% restante -17.331 euros- pola propia entidade local.

Te puede interesar