Opinión

Mala sorte

En todos as partes cocen fabas. Ata no meu Baños de Molgas querido. No ano 1910 debiamos ser de armas tomar. Porque alá polo mes de xullo o alcalde da localidade seica lle solicitou por escrito ó ministro da Gobernación a creación dun posto da Garda Civil, para poder atender e garantir a orde en todo o concello, a maiores dos demais servizos propios do Instituto. Pero o alcalde non as debía ter todas consigo, é dicir, que non lle deberon facer moito caso. Mal feito! Se houbese o “cuartelillo”, ó mellor non habería roubos nin outras falcatruadas pola contorna. E non habendo posto da Garda Civil, xusto un ano máis tarde, tivo que ser a de Maceda a que detivese a Mercedes Conde Carballo, de 21 anos, solteira, natural e veciña de Baños de Molgas, que lle roubou cincocentas pesetas (cincocentas pesetas no ano 1911!) a un portugués chamado José Peixoto, o cal se atopaba tomando os baños no gran balneario da vila molguesa. Sabemos que a tal Mercedes puxérona á disposición do xulgado, pero dos cartos ninguén soubo ou polo menos ninguén deu razón. Se Mercedes Conde tivese a presión dun cuartel á súa beira, ó mellor pensaba o seu acto doutra maneira. Pero Gobernación non quixo saber nada un ano antes. Mala sorte para Mercedes!

Te puede interesar