Opinión

Marcianos

Hai uns anos, cando a lava incandescente da corrupción comezou a asomar con toda a súa carga de calor e de color polas fendas tectónicas de practicamente tódalas formacións políticas tradicionais (PP, CIU, PSOE -o PNV é unha cova) que exerceron a práctica do poder durante poucos ou moitos anos -incluso ó longo de toda a súa traxectoria democrática-, no seo da sociedade comezou a asentarse o mantra de que a clase política era unha caste de xente que de súpeto aterraba no medio do océano ou en calquera inexplorado deserto, procedente de Marte ou de calquera outro planeta exo-solar, para dirixir as nosas vidas malamente e encher os seus petos con profusión estratosférica.

Correu a voz pola superficie do fío conductor á mesma velocidade ca zoa a electricidade polo pel do cable de cobre e chegou a todos nós coma unha verdade incontestable.

Fronte a iso fomos moitos os que defendiamos un argumento, en todo caso minoritario, que explicaba a cuestión baixo a teoría de que a clase política non era, se non, un reflexo mesmo da sociedade e que igual que na propia casa de un, na casa do veciño, no noso entorno máis inmediato e mesmo no máis alonxado pode existir xente corrupta ou potencialmente corruptible, nesa mesma proporción existe xente que se dedica á política para algo máis ca para servir ó ben común, nomeadamente para tratar de servirse a el -ou a ela- mesmo.

Agora, vendo o que lle acaba de acontecer ó xa exministro de Cultura (que non digo eu que non tivera que dimitir), o que ven a demostrar que os cargos públicos corruptos -ou, no seu caso, defraudadores- tamén forman parte da sociedade e, polo tanto, non baixaban incógnitos de Marte, resulta, dun xeito paradóxico, que é cando eu vou comezar a defender que os políticos comecen a baixar do planeta vermello -ou do ceo-, para xestionar a nosa organización colectiva e os nosos cartos.

E digo que agora é cando deben comezar a aterrar (e non no medio do océano ou no deserto, senón na Porta do Sol ou na praza de Cibeles, no caso de Madrid, ou nas prazas maiores de tódalas cidades e vilas do país), porque o nivel de pureza de sangue no que se instala a representatividade pública, ou baixan os marcianos impíos e con escafandra a dirixirnos ou no menos do que canta un galo, a clase política española deixará de existir por incomparecencia, rematando así o percurso histórico desta monarquía bicameral e autonómica tan imperfecta nunha sorte de transfiguración nunha autocracia funcionarial sen cabeza ou nunha anarquía asemblearia, que todo pode ser.

Iso, ou que dunha vez por todas sexamos quen de facermos autocrítica e aceptarmos que o pecado existe, que convive -sexamos ou non políticos- con todos e cada un de nós e que a nosa ética e a nosa conciencia son as que gardan a única chave que pode abrir ou pechar o cancelo da tentación para cometelo.

Te puede interesar