Opinión

Moita parte da subsistencia

Hoxe empezo as vacacións. Non digo que as mereza ou non. Pero son miñas. Durante dez días vou ír á costa. Pero á Costa da Gándara, ou sexa, a tomar o sol baixándolle a rama ás vides, a sulfatar, a limpar os valados e a máis diversos traballos. Sinceramente, estaría mellor sen vacacións. Pero que todo sexa pola nosa subsistencia. Como moita parte da subsistencia en Galicia está no AVE. E o noso presidente da Xunta, don Alberto Núñez Feijóo, sábeo ben. De aí que lle lance un aviso ó noso presidente de España, don Pedro Sánchez, dicíndolle que non pensa consistir “nin un mes de atraso co AVE”. Así se fala! Pero tamén debería rematar a frase: “logo de moitos anos, de toda unha vida sen AVE en Galicia”. E durante moitos anos, durante practicamente toda unha vida, gobernaron na nosa terra os seus e o AVE, en vez de minguar, de achicar os espazos do tempo, foinos alongando. Hai que dicilo todo, señor Feijóo, hai que dicilo todo, e non meterlle agora presa ós demais, cando nos mandatos do PP ata un sapoconcho corría máis, moito máis.

Como moita parte da subsistencia da Manada está na neglixencia, na preguiza dunha xustiza que, hai que recoñecelo, nin é xustiza nin é ná. A xustiza do noso país concédelle liberdade provisional. Se ata as mandas dos lobos están máis encerrados ca aqueles, porque cada vez lles acoutamos máis territorio. E son moito menos animais que esa Manada humana. O de humana xa entenderedes que é un dicir.

Como moita parte da subsistencia deste Mundial de Fútbol de Rusia está practicamente nas seleccións pequenas. Porque o que son as grandes, en principio están deixando moito que desexar. Ata o fútbol de España empeza a cansar. Demasiado bonito para a galería. E sempre se dixo que a esencia do fútbol é o gol. Ata hoxe mesmo non me importa confesar que oxalá ganase o Mundial a selección de Nixeria. Porque me caen simpáticos e porque teñen un porteiriño tan mozo que non lle queda outra que xogar no Fabril (outro mundialista deste equipiño é Ismael Díaz, de Panamá). Aí está: un xogador da Segunda B española sendo titular nun Mundial e facéndoo ben.

Moita parte da subsistencia está en traballar ben e... algúns, moito.

Te puede interesar