A LIMIA

A viaxe dos “Mundos de Casares" remata en Xinzo

A mostra sobre a vida e a obra do escritor quedará definitivamente na vila

A mostra "Os Mundos de Carlos Casares" foi inaugurada onte, de xeito oficial, no Museo Galego do Entroido. O percorrido pola vida do escritor ourensán, composto por preto de 500 obxectos inéditos como plumas, libros, máquinas de escribir ou manuscritos, quedará permanentemente na capital da Limia e converterase, unha vez que a corporación municipal faga os trámites oportunos, nun museo que irá introducindo novas pezas periódicamente. O obxectivo, segundo sinalou o edil de Cultura limiao, Carlos Gómez, pasa por adquirir un edificio exclusivo en Xinzo para albergar o futuro museo. 

"Os Mundos de Carlos Casares" atravesa cinco etapas na vida e na obra do autor de A Galiña Azul denominadas "Paisaxes", "Luzadas", "A Viaxe, "Conviña" e o "Redondel" e poderase visitar de mércores a domingo, na planta baixa do Museo Galego do Entroido, en horario de 10,00 horas a 13,00 horas e de 16,00 horas a 18,00 horas. 

A mostra tamén conta con cinco espazos audiovisuais e con maquetas de trens e cámaras fotográficas de Casares, dúas das súas grandes paixóns.

Te puede interesar