Opinión

Nin fai nin derrama

Certo día, conversando unha tarde cun compañeiro en Molgas, pregunteille que tal ían as cousas do Concello, pois il era concelleiro na oposición. Contestoume que iban coma sempre sen que houbera nada salientable que mererecera mención. Logo díxenlle: e o alcalde fai algo? E, despois dunha pausa, contestóume con moita retranca: “Que queres que che diga, non fai nada, pero tampouco derrama”. A resposta, que ten o seu aquel, váleme para lembrar que hai dous anos na cidade das Burgas temos un alcalde que fixo unha valoración moi positiva do tempo que leva no posto. Nada pudo presentar, pois nada hai digno de mención. A non ser que lembremos o derradeiro anuncio, con autobombo incluído, que di: o Concello vai arranxar un kilómetro e medio de beirarrúas co estratosférico presuposto de 59.000 euros. Vamos que o asunto ten tela. Tapar buratos e parches a salto de mata é o que nos depara o futuro inversor en Ourense.

Con todo, son consciente da súa debilidade política, pois está en minoría nunha corporación variopinta, onde a posibilidade de acordos semella ser moi difícil, dado que as alternativas que se batallan o goberno non teñen fiabilidade nin futuro. 

Mais o Sr. Vázquez tamén é un alcalde moi débil diante os seus. Non ten peso nin para esixirlle o seu partido e a Feijoo, que foi quen o mandou a esta praza, que o apoie con presupostos e inversións das consellerías, pois é o único alcalde do PP nas grandes cidades de Galicia.

Pero, o máis curioso do acontecer político no noso concello é que, segundo a enquisa publicada hai uns días nestas páxinas, valora positivamente a acción do goberno que leva dous anos sen resolver ren de ren. Ou sexa, nada de nada. Mais como a oposición tampouco ten fiabilidade nin futuro a curto prazo, a conclusión é que non queda outra que anotar, no haber da cidade, catro anos perdidos en liortas dialécticas. 

Que pasa pois no noso concello? Pois nada de nada. E dado que a resignación campa na cidadanía, o resultado pode ser bastante preocupante para o futuro da Cidade das Burgas, pois non hai nada que pareza ilusionante; e sen ilusión todo resulta gris escuro. Ó final prémiase o non facer ren, pero sen derramar. En fin, de non mudar moito as cousas, estamos diante un mandato semellante ao doutros alcaldes que non deixaron pegada na urbe das Burgas, aínda que algúns si derramaron e tomaron decisións erradas que agora estamos pagando todos. Espero, polo ben da comunidade. que iste non sexa o caso.

Te puede interesar