Rabo de nube

Ninguén como Millás

juan_jose_millas_firmando_en_la_feria_del_libro_de_madrid_de_2007
photo_camera Juan José Millás en la feria del libro de Madrid.

O título, “Que nadie duerma”, tomado dunha aria memorable da opera “Nessun dorma” ,non engana

En español, quero dicir, e referido á arte de escribir novelas, Alomenos novelas diferentes nas que a realidade apareza trufada pola fantasía máis per versa. Un pouco como o anxo malicioso do “Éxtase”, de Bernini (visible en Roma, en Santa Maria della Vittoria, esa igrexa-bomboneira), a piques de chantar na santiña a frecha con punta dourada.

Non, esta novela non se acolle a Bernini mais ao Puccini de “Turandot”. E o título, tomada dunha aria memorable desa ópera, “Nessun dorma”, non engana, cal o algodón do anuncio aquel cun mordomo pimpante e refitolero.

A historia, por certo, vai dunha rapaza, Lucia, falsa delgada (máis que grosa), que ao quedar sen choio como progamadora opta por se facer taxista. Unha taxista moi peculiar que completa os seus servizos de auriga con outros, moi filantrópicos, de válvula, clocló ou “barakalofi”. Mais detrás de todo isto, e por aí “Turandot”, hai un Madrid trasmutado en Pekín e unha muller, a propia Lucía, mudando en paxaro (moi boa a capa deste libro, exemplar en moitos sensos).

Un Madrid polo que Lucía rola (e rula), cal unha ruliña en cío, á procura du actor que non sabe o que lle agarda, miñaxoia. E non digo máis do que digo, senón que o curioso lector vai atopar nesta novela a un dos autores máis brillantes, para min o “number one”, e orixinais do cansino panorama narrativo actual.

Certo: nada que non vexamos no Millás articulista, ou glosador de fotografías (veño de ver a que lle adica a Ignacio González, o que fora presidente da Comunidade de Madrid e á súa xefa de prensa, naquel entón: brutal). E poisque en Millás a realidade e a fantasía fan unha menestra ou macedonia ben chamativas quero referirme a certa novela súa, “El mundo”, na que batín, certo que camuflado, co Padre Amalio, aquel dómine esperpéntico do que Juan José Millás fora alumno e eu empregado docente (un mes tan só, abondou) aló cando os animais falaban.

Aquí, nesta novela, tamén o fan. Lástima fora. E escoitan óperas de Giacomo Puccini a través das fírgoas dun cuarto de baño, para desgraza de Braulio Botas, ese actor fracasado que tenta levar ao teatro a vida que pasa diante súa. Unh novela moi boa, que non debera perder quen ame os pratos contundentes (e ben gobernados). De Neda.

Te puede interesar