Opinión

O desleixo do público

 

 

Por circunstancias da vida, estes días fun a un hospital da rede pública galega en Ourense, concretamente o Sta. María Nai. E a primeira imaxe que me chamou a atención, foi que, na entrada principal, diante dun fermoso mural do artista ourensán Xaime Quesada, están aparcadas, diría arrimadas de calquer xeito, unhas cadeiras de rodas, algunhas moi esnaquizadas, o que causa unha impresión de primeiras moi negativa para os usuarios do centro, pois non imaxino levar a un familiar doente nun trasto deses.

Supoño que moita xente, cidadáns do común, pensarán: como é posible que diante este mural tan fermoso estean estes trastos cos respaldos e ferros tan axados? E vendo tal imaxe dirán: que será o que nos espera dentro onde temos os nosos familiares ou vimos a buscar a saúde? Ven sei que o centro ten moitos anos e que todo se deteriora, mais hai cousas que non atino a entender. 

Logo, buscando onde aparcar o coche, vexo que as beirarrúas que están cara o fondo do recinto, igual que unha área de recreo que linda co regato, están cheas de silvas e maleza e que no medio da tanto lixo están as farolas que un día alumaron, ergueitas mantendo o tipo e lembrando que aquelo foi, cando se inaugurou, un xardín do complexo para uso público.

E como percibo o deterioro de moitas máis cousas que non enumero, penso nos recortes da sanidade e no mantemento dos servizos públicos en xeral. Penso na maneira de gobernar. Mais logo de reflexionar no asunto, chego á conclusión de que máis que gasto de cartos, o que hai e un desleixo absoluto de todo aquelo que pertence o común. Como di o refrán: o que é do común non é de ningún, por iso sempre está manga por ombreiro. Logo, lembro ós dirixentes das administracións públicas, sobre todo a Xunta, a xerencia do CHUO e dos distintos gobernos, e percibo que non teñen ningún interese en conservar o que é público. Aínda máis, penso que, en moitos casos, faise e actúase desta maneira aposta: deixar deteriorar os servizos públicos para potenciar os privados.

Tamén lembro as verbas dun técnico do Concello que me asesoraba hai anos sobre os proxectos e melloras que queríamos pór en marcha dende o goberno municipal. Dicía: o importante das obras públicas e que se fagan e teñan un sinxelo e pouco custoso mantemento. Temos o costume de facer moitas cousas, incluso cunha visión moi artística, pero que logo teñen un mantemento custoso ou moi complexo, e como o gobernante so quere inaugurar obras novas, pois pasa o que pasa. Non se mantén nada do feito. Sabías verbas dun home que levaba moitos anos na administración, pero que a día de hoxe parece que non se toman en conta.

En fin, a imaxe externa que se transmite dun servizo tamén axuda a mellorar o laborioso traballo dos profesionais, neste caso da sanidade, e a imaxe interna. E tamén axuda a mellorar os nosos servizos públicos que, en xeral, son bos, pero que necesitan moita atención por parte de quen nos goberna para non ter que dicir que dan unha imaxe de desleixo e abandono.

Te puede interesar