XORNAL ESCOLAR

O lugar ideal para formarse

20180606133348359_result
photo_camera Os escolares de Cenlle na playa.

O Colexio de Cenlle está inmerso en numerosos proxectos cos que traballan na formación integral do alumnado

A piques de rematar o curso escolar 2017/2018, no CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle pensan, por suposto, en descansar e tomar folgos, pero tamén se amosan con moitas ideas e ilusión de cara ao vindeiro curso no que queren seguir inmersos nos numerosos proxectos que xa comezaron este curso e engadir outros novos.

O CEIP Carmen García Carrasco destaca por ser un centro do rural familiar, no que este curso se matricularon 17 escolares, pero que de cara ao próximo xa agardan como mínimo seis novas incorporacións, aínda que a ilusión de toda a comunidade educativa é que sexan moitas máis. O CEIP de Cenlle ofrece múltiples vivenzas, amizades e experiencias únicas que a bo seguro marcarán o resto das vidas dos escolares e completarán unha formación integral gracias ás múltiples actividades e proxectos nos que están inmersos.

Sen aulas masificadas e nun ambiente agradable e tranquilo, o ambiente ideal para aprender de forma libre e construtiva, desenvólvese o día a día nas aulas do CEIP Carmen García Carrasco. Na actualidade contan cos servizos de transporte escolar e comedor, onde dispoñen de cociñeira propia e a colaboración do alumnado maior que é o encargado de servir a comida, poñer e recoller as mesas e, por suposto, integrar aos novos escolares. 

No tocante aos proxectos que levan a cabo, son numerosos e moi variados, co fin de traballar en diversas disciplinas moi beneficiosas para a completa formación dos nenos e nenas de Cenlle. Así, traballaron no Proxecto Documental Integrado que levaron a cabo na biblioteca escolar e que consistiu na posta en marcha dun horto escolar ao que lle sumaron este curso a Iniciación á Robótica e o ABN, no que os escolares de Infantil traballaron as matemáticas dunha forma manipulativa, evitando así que resulten abstractas e aburridas. Estes proxectos completáronse coa participación en charlas, como a de

Primeiros Auxilios e RCP, outra de hixiene bucodental, programacion de realidade virtual, contacontos, etcétera. No Carmen García Carrasco tamén se propuxeron facer cada día un pouco de exercicio. Así, desde principio de curso corren progresivamente cada día ata conseguir correr unha milla diaria, obxectivo que acadaron o pasado mes de maio. 


Convivencia e intercambio


A todas estas actividades, charlas e proxectos,  hai que engadir unha que para a comunidade educativa do centro é moi especial. Trátase das convivencias con outros centros, vivenzas moi especiais  que definen como "un bonito e proveitoso descubrimento".  Así, citáronse cos escolares do CRA Amencer e outro día cos nenos e nenas do CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós, cos que participaron nunha xornada de repoboación dos bosques.

Pero en dúbida, unha das experiencias de convivencia que destacan este curso é co CEIP Sardina, de Canarias, cos que os escolares de 4º, 5º e 6º de Cenlle intercambiaron correspondencia durante meses e rematou cunha visita ao seu centro, con motivo da festividade de Gran Canaria. Foi unha experiencia extraordinaria onde os escolares galegos coñeceron a illa, as costumes, gastronomía, etcétera, e á súa vez lles achegaron a cultura galega a través de diferentes produtos gastronómicos, danzas, etcétera. 


Un traballo de todos


O Concello de Cenlle  busca por en valor o seu CEIP e para elo colabora co centro educativo na organización de actividades extraescolares e nas celebracións de festividades e días internacionais, na convocatorIa de concursos, charlas informativas, etcétera. Pola súa banda, a ANPA do CEIP Carmen García Carrasco incorporou este curso o programa de atención temperá para favorecer a conciliación familiar e laboral. A comunidade educativa e o Concello de Cenlle traballan en conxunto para brindarlle aos escolares a mellor e máis completa das formacións, nun entorno único e privilexiado, cheo de vantaxes. 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar