Opinión

O vindel e outras cousas

Está movendo unha grande expectación a exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo que será aberta o vindeiro día 10 de outubro e que permanecerá deica marzo do 2018. Pero que é o pergamiño Vindel e cal é o seu valor? Pois se mo permiten, voulles dar a miña opinión: É un símbolo. Certo que é un pergamiño -unha pel de ovella preparada para escribir sobre ela, comercializadas orixinalmente desde a cidade de Pérgamo, na actual Turquia- con sete cantigas medievais que citan Vigo, e notación musical en seis. Certo que é un documento de época -contra finais do XIII- extraordinario e que pertencente a unha das tres ou catro grandes literaturas medievais de Europa, a nosa. Pero sobre todo, como digo, é un símbolo para Vigo e para Galicia toda. 

E por que un símbolo? Voulles contar un segredo triste. Creo que é a primeira vez na historia que está en Galicia unha mostra da nosa lírica medieval. Si. Coñecemos eses poetas e as súas producións a través de recompilacións que chamamos cancioneiros. Un deles, o único que se conserva da época en que falabamos igual ao norte que ao sur do Miño, é o chamado Cancioneiro de Ajuda, por estar no palacio lisboeta dese nome. Logo hai outros cancioneiros perdidos dos que coñecemos copias -o Cancioneiro da Vaticana, da Biblioteca Nacional de Lisboa, e outros menores- saídas das cortes dos papas ilustrados que recibían información de Portugal. Tamén temos outro pergamiño -ben máis ruín que o Vindel- atopado por un estudante norteamericano en Lisboa en 1990, e que leva o nome do rapaz, “Sharrer”. Logo veñen as Cantigas de Santa María. Como foron feitas na corte do rei Afonso X, elaboráronse en Toledo. Coñecemos catro exemplares, uns con máis cantigas -ata 406- e outros con menos -ata 104-. Uns máis ilustrados, outros menos. Sempre con cantigas de toda a orbe cristiá. Desde Siria a Londres, de Alemaña a Xerusalem. O bonito, o das miniaturas, chamado “rico”, era tan querido do rei que non só ordenou estivese presente no seu funeral e que se cantasen os seus poemas, senón que é o suxeito do miragre 209: Afonso X estaba en Vitoria, enfermo, e os médicos pensaban que morría e mandaron pórlle “panos caentes”, pero el ordenou lle puxesen “o Libro dela” e “puxéronmo, e logo houben paz... e sentinme logo moi ben...”. En fin, dos catro, dous están hoxe no Escorial- outro na Biblioteca Nacional de Madrid, e outro en Florencia.

Fíxense en que feitos en relación coa corte portuguesa ou española, nunca pisaron Galicia. Percorreron si, Sevilla, Toledo, O Escorial, Lisboa... pero aquí, corte non tiñamos. O que si hai é algo de poesía tardía -en 2011 apareceu no Arquivo do Reino de Galicia un pequeno cancioneiro, de só un autor, Afonso Paez, de finais do XIV ou principios do XV-, algo de prosa relacionada cos Cabaleiros da Mesa Redonda ou con asuntos da Guerra de Troia. E si, milleiros de documentos de cousas da vida cotiá, onde destaca en abundancia, a cidade de Ourense.

E si, a min gustaríame seguir co éxito do Vindel vendo dúas exposicións baratas e fáciles de montar en anos vindeiros. A primeira, “Textos medievais de Ourense” -concello, catedral, fóro de Castro Caldelas, etc.- feita aquí. A segunda, desde Santiago, en Gaiás, xuntar os catro códices das Cantigas de Santa María nunha magna exposición ad hoc. Préstase o tema. Sería algo, desde logo, nunca visto e superinteresante. Creo.

Te puede interesar