ARTE ET ALIA

Unha obra de Castelao e cadros de Hermida

Miguel Anxo Seixas presentou o cadro de Castelao.
photo_camera Miguel Anxo Seixas presentou o cadro de Castelao.

O cadro que Castelao regalou a Otero Pedrayo en Buenos Aires, Arxentina, "O souto dos gatos", en 1947, é a escollida 'Peza do mes' co que a 'Fundación Otero Pedrayo' comeza este ano amosando os fondos á sociedade

O cadro que Castelao regalou a Otero Pedrayo en Buenos Aires, Arxentina, "O souto dos gatos", en 1947, é a escollida 'Peza do mes' co que a 'Fundación Otero Pedrayo' comeza este ano amosando os fondos á sociedade. Con il da man baixaron fai uns días até o salón de tertulia do Liceo o seu Presidente, Juan Luís Saco, e o tamén profesor Afonso Vázquez-Monxardín, secretario da mesma, dende o Pazo Museo daquel intelectual ourensán para a súa presentación. Esta foi feita por Miguel Anxo Seixas Seoane, o gran especialista dende a súa minuciosa investigación do polígrafo rianxeiro culminada na súa tese de doutoramento, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, presentada en 2017. 

O Dr. Seixas considera que a pequena alfaia de 30x40 cm. é unha obra estraña de 1943 da que se descoñece tanto o contexto no que Castelao creouna como o seu título orixinal. Do que se infire que o título co que se coñece baséase máis no aspecto descritivo que no seu concepto. É unha 'escena da matanza de sete gatos esganados con cordas colgados das polas dun vello e seco castiñeiro'. Quizais algo do seu significado teña que ver co protagonismo directo da caracocha, coa súa triangular entrada na base. E a presenza da escada á esquerda do cadro podería relacionarse co concepto de cambio de nivel, como na obra velazqueña 'Las Hilanderas', expresado na 'Minotauromaquia' de Picasso en 1935, aínda que aquí se desenrole con figuras, que Castelao evita conscientemente... A herba que medra en primeiro termo, e o coro de vida que amosan os castiñeiros posteriores contra a luz da bocarribeira, mentres no fondal corre un río, son un fértil exemplo pictórico do Castelao da súa derradeira década na que estaba xa moi limitado polo mal que lle afectou á vista. Tralo debut haberá unha cadencia mensual de presenzas oterianas.


As imaxes de Modesto Hermida


Coincide no tempo "O tempo escuro", libro de relatos que son como cadros daquela 'longa noite, miserenta e cincenta, da posguerra e do franquismo' no sentir de Ramón Nicolás, que fai a introdución. Son uns contiños, como o do Estraperlista, ambientado entre 1931 e 1945, coetáneo do cadro de Castelao en Trasalba. Engaiolante é a atmosfera que consegue, que aclara aquel tempo do mundo nas montesías terras de ficción que alcuma 'Valdelama', imaxe con Vales, San Pedro de, no concello de Cea, no centro, e Covas ao sur..., coas terras da Aguada, á porta de Carballedo/Lugo; que continúa nos 'escenarios urbanos' e os das 'referencias'. De todos emana vida, e esa retranca que sempre lle chisca no ollo. A foto da capa, da autoría de Xulio Gil, é a serra do Martiñá, coa Boulla e Tanxil. É o territorio de Modesto, Dr. en filoloxía románica, profesor catedrático de lingua galega e literatura, escritor de ensaios, e do acaído «No fío da navalla e outros poemas» (Ir Indo, 2010). 'Entremos lene', sen 'présas nos camiños' para degustar esa lingua que deixa no padal «Xeórxicas do pan  galego». De pantrigo, e tamén centeo...

Te puede interesar