Opinión

Onde está o medo?

O subconsciente daquela xente estaba dominado polo medo. Medo a todo. Incluso os políticos do momento metían medo, tanto coas súas arengas como coas súas accións contraditorias diarias e coa irrenunciable irresponsabilidade inherente á propia condición de defensores, en primeiro lugar, dos intereses persoais e do partido. O medo, ás veces, convértese en arma para arrebatar a liberdade á xente, para dobregar a vontade do pobo e impoñer mandatos e criterios, con razón ou sen ela. Segundo Aristóteles, o medo é un sufrimento que produce a espera dun mal.

O de Cataluña dá medo, din varios dos representantes políticos dende o parlamento e a través dos medios de comunicación; dá medo a independencia e a forma de gobernar do adversario. Todo o que non gusta asusta e produce desánimo na casta política. A uns dálles medo a forma de falar, de facer e de avanzar dos outros partidos e a estes asústalles a política dos anteriores. Estamos na encrucillada dos medos, aturando os tremores daqueles que tiñan que representarnos e defender tranquilamente os intereses colectivos. En política, a Tía Manuela lembra unha expresión da científica Marie Curie, “non se lle debe ter medo a nada, senón comprendelo todo”.

Medo ao separatismo, medo ao uso das linguas propias, medo a que o pobo decida, medo aos avances culturais, sociais e de calquera tipo. Medo á información veraz, medo á liberdade dos outros, medo á educación e á formación do pobo soberano e medo dos poderosos á mingua e á diminución do seu poderío. Medo, moito medo ao medo. O voto do medo, o medo ao cambio, a un novo paso de andadura, á reflexión e á análise.  Medo á perda de valores, á corrupción, ao abuso, á miseria e á desigualdade que aumenta cada día.

A sociedade, segundo o filósofo británico ThomasHobbes, está fundada sobre o medo e cando dúas persoas pretenden o mesmo posto, e só unha pode ocupalo, convértense en inimigas e cada unha delas ten medo do poder da outra. Na política actual vese ben, nos vellos e nos novos partidos. Cando dous queren mandar, dentro, declárase a guerra entre iguais e a explosión soa de tal forma que aparva, desconcerta e confunde aos fieis seguidores. Co “quítate tu, para poñerme eu”, a división queda servida; a convivencia e a honestidade,cuestionadas; os principios, quebrados e o medo? Onde está o medo?
 

Te puede interesar