Opinión

Ourense en México

Volvo de México coas pilas cargadas e cunha boa ración de amizade que me propiciou como sempre a familia do carballiñés Luis Portabales. Estiven de novo con centos de galegos despedindo o pasado ano e desexando o mellor para este 2017. E nesta ocasión quixen levarlle ata o Salón Los Candiles, un dos lugares imprescindibles en México DF para as grandes celebracións, un emotivo video no que moitas persoas de aquí quixeron desexarlles todo o mellor aos que naquelas terras fixeron a súa outra vida. Un video realizado por Santiago Blanco, antigo alumno meu na Laboral de Ourense, con quen foi un pracer compartir días de rodaxe para darlle forma a toda a gran ración de cariño recollida nas mensaxes que incorpora. Nel participaron o Presidente da Xunta, os alcaldes de Avión, A Lama, Beariz, O Carballiño e Maside; a cantante Pili Pampín, o presentador Xosé Ramón Gayoso, o Equipo de “Bamboleo”, os futbolistas do Celta, Iago Aspas e Sergio Alvarez, e do Dépor, Alex Bergantiños e Pedro Mosquera, os compoñentes da Charanga “Os Liborianos”, o cociñeiro carballiñés con Estrela Michelín, Manuel Domínguez, e o moi querido cantante Juan Pardo. O video foi proxectado minutos antes da chegada do novo ano e levantou unha gran ovación por parte dos asistentes, aos que lles quixen dedicar algunhas cancións da terra antes de ter o privilexio de dar as baladadas coas que entramos no novo ano.

A acollida que recibo sempre dos galegos en México é desas que deixan forte pegada, e o cariño co que me tratan todos os compoñentes da familia Portabales é indescriptible, facendo que os días que paso entre eles estean cheos de momentos memorables, con visitas a lugares de interese artístico e cultural, de xantares de confraternidade, de tempo de relax na costa Caribeña, de visitar as tendas de moda que posúe en México o meu deseñador galego de cabeceira, Do Rego&Novoa, ou do disfrute en xeral dun País que, aínda sendo por momentos complicado, atesoura un gran potencial para ser todo o que queira, se o veciño do norte non llo pon moi difícil, e cun índice de poboación xuvenil do que aquí sentimos auténtica envexa. Foron tamén días de fortes emocións, como cando lles cantei os velliños da Sociedade Española de Beneficencia, do Hospital Español de México DF, presidido eficazmente polo tamén ourensán Daniel Suárez, do que sempre recibo un trato exquisito, e con quen puiden coñecer a moitos deses emigrantes que a pesar dos seus moitos anos seguen levando a Galicia no corazón.

Non podo esquecer tampouco o marabilloso trato e cariño recibido pola familia de Emilio e Maruja Alonso, de O Carballiño e O Irixo, anfitrións de luxo cos que degustei un tremendo cocido galego para inaugurar o novo ano na súa magnífica casa nas Lomas de Chapultepec. Con eles volvín xantar nun dos hoteles de luxo que rexentan na capital mexicana, o "The Green Park", e con eles vivín unha divertida noite de mariachi no salón "Jorongo" do Hotel Sheraton. 

Nunca deixa Maruja de poñerse en contacto conmigo ao longo do ano para apoiar á nosa admirada María do Ceo ou para saudar a todo o equipo que traballa no Bamboleo; un programa no que estaremos novamente esta noite, co recordo deses marabillosos días pasados entre amigos en terras mexicanas.

Te puede interesar