TESTEMUÑAS DA MEMORIA

O paleontólogo con calidade fotográfica

Dibujo
photo_camera Montesinos, coa súa máquina de madeira dos anos 50, fabricada en Ucraína.

Se afeccionou á fotografía de tal maneira que xa case (ou sen case) lle dedica máis tempo a esta que á súa actividade de docente na Universidade da Coruña

Pensei que non o volvería ver, pero vino. O 5 de novembro de 2013, na casa da cultura da Valenzá, asistira á inauguración dunha exposición fotográfica dun tal Román Montesinos, coruñés, que me gustara tanto que non me quedou outra que plasmar nun papel o que realmente sentira naqueles momentos. Ese paso dos pensamentos ó papel saíu publicado neste mesmo xornal o 14 dese mesmo mes de hai dous anos. Como diría no relatiño dunha ducia de liñas, acababa de contemplar uns soños visuais, unhas metáforas visuais que marcaban, que deixaban un moi bo sabor de boca. Pero, repito, iso foi hai exactamente dous anos.

En dous anos, a vida dá moitas voltas, incluso, a memoria, ás veces, dórmese nas pallas e, recoñézoo, o tal Román Montesinos quedaba xa para un simple recordo, e sempre cando me atopase con ese relato que lle escribín. “Ah si, aquela exposición que vira…”. A mellor proba é que haberá pouco máis dun mes vin anunciada pola Valenzá unha nova exposición de fotografía co gallo do Outono Fotográfico que se realizou pola nosa cidade e parte da provincia, pero nin idea de quen era o tal fotógrafo. Síntoo.

Ó pouco recibín unha chamada da casa da cultura da Valenzá. Que o autor quería que eu estivese presente (se podía) na inauguración da nova exposición. Que seica te le e que dálle que tumba, que tal e que cal. Quedei un chisco pampo cando me dixeron isto; quen me pode ler a min na Coruña? Non obstante, empecei a desconfiar ó momento cando o encargado da casa da cultura, Alfonso, me dixo que xa expuxera unha vez aí. Botei man dos meus arquivos. Axiña apareceu o relato que sinalo ó principio. Entón si, entón a memoria espertou e lembrei. Prometín asistir. E asistín. E… como Pedro pola súa casa, ou como a frase final fetiche de Casabranca: “este pode ser o comezo dunha fermosa amizade”.

Alí estaban de novo outras preciosas e fermosas metáforas visuais de Román Montesinos, o paleontólogo que se afeccionou á fotografía de tal maneira que xa case (ou sen case) lle dedica máis tempo a esta que á súa actividade de docente na Universidade da Coruña. Naceu hai 63 anos nesa fermosa cidade. Vive en Culleredo e ten o seu estudo fotográfico no Graxal, en Cambre. Cursou os estudos superiores en Santiago e en Oviedo.

Explico. A fotografía de Román Montesinos non se basea tan só no típico encadramento e no sinxelo clic. A fotografía do coruñés evoca distintos tipos de sentimentos nos que conxuga o material co anímico. Para a conxugación, prepara o material (físico) e dálle mil voltas antes de deixar caer o dedo sobre o clic. Despois xa asoman ante os ollos auténticas marabillas cunha sinxeleza tal que ten que ser o propio autor o que che explique a foto. Cando o fai, non queda outro remedio que exclamar: “é certo, que sinxelo é o seu significado!”. De aí o de sinxeleza.

quSendo estudante en Oviedo empezou coas súas exposicións e… “lo que te rondaré, morena”, o que lle queda. Non tardará en chegar ó cento delas. Chegará. Porque ten cabeza e porque a súa obra ten moita pero que moita calidade.
[email protected]

Te puede interesar