A LIMIA

Paneis e códigos “QR" identificarán as igrexas do románico en Xinzo

O edil de cultura, Carlos Gómez, sinalou que se beneficiarán nove templos das parroquias e da vila

A Concellería de Cultura de Xinzo e a Axencia de Turismo de Galicia veñen de acordar un plan para identificar e promocionar as igrexas románicas da vila limiá, así como as do resto do concello. O obxectivo será crear unha ruta por estes templos, que contarán cun código "QR" e un panel informativo coa súa historia, curiosidades e características. Para esta finalidade, a administración autonómica aportará preto de 11.800 euros dos máis de 18.000 que costará a actuación completa. 
Dende a área de Cultura e Turismo o seu titular, Carlos Gómez Salgado-Vedmar, explicou que as nove igrexas "de gran valor histórico e arquitectónico do concello" foron incluidas neste programa co que a súa Concellería pretende seguir incrementando e poñendo en valor os recursos turísticos do municipio. "Deste xeito investiremos non só na capital, senón que crearemos rutas culturais nas nosas parroquias e lugares de interese, que complementen a oferta turística da vila", manifestou o edil. 

Serán nove os templos que se beneficiarán deste plan: Santa Mariña de Xinzo, Santo Tomé de Morgade, San Pedro de Boado, Santo André de Piñeira Seca, San Xoán de Guntimil, San Xoán de Seoane de Oleiros, San Nicolau de Novas, Santa María de Laroá e San Pedro de Solveira da Limia, e as instalacións comezarán unha vez que se aprobe a asignación municipal en Xunta de Goberno. 

Todas estas igrexas conforman, segundo Carlos Gómez, "unha magnífica mostra do Románico Altomedieval Limiao, datando a maioría delas de finais do século XII e primeiras décadas do XIII". O edil engadiu que por ese motivo, se aprecia nas construccións "un incipiente gótico que contribúe a conferirlle algunhas características propias e singulares dentro do románico do Noroeste da península". 


"Sinxeleza arquitectónica"


Por outra banda, o concelleiro subliñou que, a excepción da igrexa de Santa Mariña, a de maior tamaño e coñecida como "igrexa vella", o resto dos templos caracterízanse pola "evidente sinxeleza arquitectónica, posto que adoitan ser de planta rectangular e rematadas nun único ábside que, tamén, na comarca da Limia adoita ser de planta cuadrangular". As sinais informativas estarán feitas por persoal con experiencia en interpretación do patrimonio cultural e o código "QR" permitirá ampliar a información en internet.

Te puede interesar