RABO DE NUBE

Para todos os públicos

20180111163222190_result

 Curiosidades ferrolanas mergúllase nos xornais para falarnos sobre unha cidade ilustre e ilustrada

Dicía Torrente Ballester, a propósito dos libros dun seu paisano, Suárez García, alcalde que fora de Ferrol no seculo XIX, que pola súa temática localista, acompañada dun estilo pobre, malamente pasarían de Pontedeume. Non sei, coñecín unha dona de Luque (Córdoba), que lera con pracer Los invasores. Como que xa está fora de xogo non lle poderei facer a proba co libro que recomendo hoxe. A todos, ferroláns ou non, por ameno, anecdótico (pero á vez, categórico) e -sobre todo- carregado de interese histórico e sociolóxico. Ferrol, como se sabe, pasara en pouco tempo de ser vila de pescadores ao emporio de feitura de barcos que os ilustrados soñaran. Século XVIII e todo canto viría despois, con decadencias (logo da desfeita de Trafalgar, por exemplo, ou do desastre do 98) mais con pontos álxidos (década dos sesenta do século pasado).

Son eses tempos básicamente os que abalroa Germán Castro coa súa chalana de “plumilla”. Ditector que fora de “Diario de Ferrol”, logo de colaborar noutros medio, mesmo en “Ferrol Diario”, feito nunha etapa no taller de La Región, o que o levaba facer un percorrido diario intenso por unha Galicia con estradas (as de hai cincuenta anos) que nada tiñan que ver coas de hoxe. Germán Castro, en fin, o que fai é mergullarse nos xornais referidos a un Ferrol contradictorio (berce de Pablo Iglesias, Canalejas ou Francisco Franco), para ilustrarnos sobre unha cidade con lustre e ilustrada.

Un libro que se le como unha novela, na que os personaxes e as situacións teñen un aquel de retábulo das marabillas. Polo que desfían, a maiores dos citados, Rimsky Korsakov (e a polémica sobre se estivera ou non en Ferrol), Miss Galicia, 1934, o masón que quixera matar a Alfonso XII cunha navalla de lingoa de vaca (impregnada de material noxento), López Ramón, alcalde de Ferrol, logo gobernador civil de Ourense e escritor de ringorrango ou Carvalho Calero a deostar o termo “racinguista”, para os que somos seareiros do noso primeiro “team”, que tal dicían os reporteiros primitivos do “balompé”. Un libro que recomendo a todos os públicos. Tamén para desmentir as lendas negras encol da literatura “localista”, que botara ben abaixo o propio Torrente con Dafne y ensueños.

Te puede interesar