Opinión

Paraíso sensual

Entre os grandes creadores cinematográficos, non hai unha soa carreira semellante nos seus inicios. Algúns directores tardan décadas en demostrar o seu talento, o seu xenio, pois non todo o mundo empeza con “Cidadán Kane”, 1941, de Welles, ou con “Os 400 golpes”, 1959, de Truffaut. No caso de Ingrid Bergman levoulle menos de dez anos e unha ducia de películas. E a partir de entón, o seu nome inscribiríase con letras de ouro na lista dos directores que despuntaron nos anos 50 no vello continente. Penso que aínda que non dirixira nada máis na súa vida, a enorme influencia de “Un verán con Mónica” (1953) bastaría para garantirlle un lugar de privilexio na memoria cultural e artística do século pasado.

Por sorte, non foi así, xa que Bergman aínda se superaría con outros filmes. Pero é certo que “Un verán con Mónica” pode colocarse sen ningún problema entre as súas obras mestras, e a primeira de todas elas, á idade de 34 anos. É, ademais, unha das películas europeas máis famosas de todos os tempos, cunha enorme forza expresiva e gran alcance poético. Auténtica xoia de cine que resiste o paso do tempo de forma extraordinaria, e cuxas ramificacións morais seguen en plena vixencia hoxe en día. Ver “Un verán con Mónica” é ver un cachiño da historia do cine que avanza cara á novos territorios, sempre respectuoso co pasado, pero capaz de ignoralo o suficiente como para conquistar novas formas. Todo un triunfo.

O filme é un retrato dunha cidade moderna, Estocolmo, e unha reflexión sobre a madurez e o paso do tempo. É a reconstrución carnal e física dun encontro dos que só brotan no verán. O propio Bergman expresa á perfección as sensacións que produce a película cando explica, acerca da liberdade da súa rodaxe, que simplemente se largaron ó campo e todo xurdiu con gran rapidez. Todo iso pálpase na pantalla, case se pode tocar. Como case se pode tocar e percibir un entorno bucólico, a espuma das ondas, e o cabelo, a boca e a pel da protagonista. Nesta astuta xogada comercial, os distribuidores da película en Estados Unidos vendérona como unha película erótica. Pero non é un filme erótico. Como moito é un paraíso sensual.

Te puede interesar