COLE A COLE

Pasen e vexan o proxecto do circo

20180508_120741_result

Escolares do CPI Terras de Maside están a traballar en aspectos relacionados co mundo circense, unha iniciativa coa que aprenden a comunicarse e a expresar as súas ideas e pensamentos 

No municipio ourensán de Maside está ubicado un centro de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria de referencia na comarca. Este curso, un total de 261 alumnos e alumnas matriculáronse no CPI Terras de Maside. Ao centro acoden cada día escolares procedentes das distintas localidades que conforman o Concello, así como de localidades dos concellos limítrofes. 

A gran calidade do servizo de comedor escolar, un profesorado estable e unhas renovadas instalacións converten a este centro de ensino no espazo ideal para a formación integral do alumnado. Ademais, o CPI Terras de Maside caracterízase por ser un colexio dispar no tocante aos diferentes estractos sociais, relixións e etnias do alumnado, sen dúblida unha mistura que enriquece a este centro no que á inquetude por aprender e á necesidade de adaptarse e formarse na pluralidade se refire.

Dende hai varios cursos, no CPI de Maside implantouse entre o alumnado de Educación Infantil o traballo por proxectos, unha aposta que pronto deu os seus froitos.  A boa acollida desta iniciativa fixo que este curso se estendera a 1º e 2º de Primaria. Un interesante proxecto sobre a auga, un ben moi prezado que todos e todas deberiamos coidar, foi o primeiro dos proxectos deste ano no CPI de Maside. Queren que o alumnado coñeza dende idades temperás a importancia do seu consumo responsable. O circo tamén está a marcar outro dos proxectos do curso 2017/2018. Todo comezou cando no primeiro trimestre visitou a cidade o circo “Oceanika”.

Foron a visitalo xa que o seu espactáculo circense movíase na tématica da auga. Os alumnos e alumnas  comezaron a facerse moitas preguntas sobre o circo, como funcionaba, cales eran os artistas, etcétera. Por este motivo, o profesorado decidiu que o seguinte  proxecto de traballo versaría sobre o circo. O obxectivo principal deste proxecto é que os nenos e nenas se acheguen á vida no circo, onde viven os seus protagonistas, que artistas traballan, onde se instalan os circos e moitas outras cousas interesantes sobre este apaixonante mundo. Todos os interrogantes que xiran en torno ao proxecto atenden as preguntas e intereses previamente plantexados e emprégase a investigación e procura de información a través de diferentes fontes e coa colaboración das familias, que propocionan moitas desta información, a través de libros, novas no xornal, vídeos interesantes, páxinas web, etcétera. O proxecto do circo arrancou no segundo cuadrimestre, xusto antes do Entroido, e o que se pretende é que o alumnado sexa capaz de aprender por si mesmo, dun xeito global, con aprendizaxes significativas, e non dun xeito puramente memorístico. Aprenden tamén a comunicarse, a expresar as súas ideas e pensamentos dun xeito divertido, pero sempre didáctico. A este proxecto, que se respira en cada espazo do centro xa que está perfectamente ambientado coa temática, lle adican entre unha e dúas horas cada día, ben é certo que dependendo do tema a tratar, da motivación, etcétera, poden chegar a adicarlle toda unha xornada. 

O proxecto sobre o circo está a resultar moi divertido, os rapaces e rapazas están aprendendo moitas cousas relacionadas co vocabulario, tamén desenvolven a súa creatividade, o equilibrio corporal, a resolución de conflitos, e sobre todo traballan motivados, xa que eles son os protagonistas das súas aprendizaxes.


Outros proxectos


Este curso, ademais dos proxectos da auga e do circo e para rematar a tempada lectiva, realizarán unha actividade sobre a horta para coñecer a súa composición e principais coidados, xa que moi pronto, no CPI de Maside contarán cun horto propio que seguro será un proxecto do máis interesante e que os escolares xa agardan con entusiasmo. 

O fantástico traballo dun profesorado implicado xunto á implicación das familias foron fundamentais para a realización dos proxectos este curso que concluirá coa realización dunha función de circo na que contarán coa participación da tía dunha alumna que traballa no circo; a nai dunha nena que é majoret; alumnado de cursos superiores que manexa o diábolo; e a residencia “Casa Grande· de maiores de Maside, cos que teñen unha estreita relación e comparten cada curso numerosas actividades.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar