Opinión

Paseo Sanxenil

Saín da casa ás sete e media non porque turrase de min ningunha nostalxia de tempos de estudante, senón porque non me deixaban durmir ben ruídos dos borrachos na trasnoita. E saín e camiñei. Fun observando os trasnoitadores de última hora, que era lexión. Se cadra había tanta xente nesa retirada, como se fosen as cinco da tarde. E claro, entre tantos, recoñecíanse os máis variados tipos. O borracho chorón, o vomitón, o sorrinte, o namorado, o berrón, o desmaiado, o que lle dá por subirse aos sitios, o durminte na praia, o desmaiado na acera... Preto deste -só vin un- había uns homes de chaleco -non sei se Protección Civil ou unha ambulancia- tratando con el. Mirei pouco, porque é unha escena vulgar, coñecida, aborrecida. O borracho que pasado de rosca perde a consciencia -non sei se sería coma etílico ou o que- mentres os colegas seguen como se tal cousa. Un garda civil noviño e un policía local tamén neno, observaban a escena con ollos neutros, de costume, e miraban o reloxo. Entrementres, nenas cos zapatos de tacón na man e descalzas facían eses menos pronunciadas que as dos varóns. Tamén se vían parellas e grupiños de retirada máis comedidos, sen estridencias, con normalidade. Supoño que serían maioría, pero coma sempre, os que máis se notan son os máis re-chamantes, ou, mellor, re-berrantes. 

No paseo pola Praia de Baltar, chegando a Portovono, chamoume a atención a cantidade de rapaces que volvían a pé polo paseo de madeira. Creo que lles sentaba ben ese aire fresco da praia. Varios aproveitaban para facerse selfies co porto detrás coa luz do amencer, polo que, ao apreciaren a beleza da imaxe, deducíase que non ían en exceso prexudicados. Abeirei Portonovo ata deixar a praia de Caneliñas silandeira. Logo, pesaroso da fin do paseo, metinme pola beira da estrada, cara a Lanzada. Ducias de taxis pasaba levando a rapaces de retirada cara a Montalvo, O Grove, San Vicente ou onde fóra. Un taxista maldicía sen excesiva radicalidade, resignado seguramente, nun campo ao lado de Paxariñas mentres limpaba un vómito do asento do copiloto. Cheguei ao piñeiral de Montalvo, e lembrei a primeira escavación arqueolóxica na que participei, nas tumbas da Lanzada, onda o paxaro metálico na pedra. A man de obra estudantil durmiamos daquela en tendas, no piñeiral de Montalbo, onde eramos parasitarios das comodidades de ducha e similares dos colegas xefes que paraban no Hotel Sixto. Debía ser isto por 1977. 

E dei a volta. E fun por unha paseo de madeira, á beira do mar, como o fermosísimo de San Vicente, que rodea o camping de Paxariñas. As vistas, coa illa de Ons deitada ao longo da entrada da ría de Pontevedra, era engaiolante. O son das ondas non estaba máis ca rachados por esas gaivotas que en galego se chaman choronas e en castelán reidoras, que xa é. Tiven que volver á estrada porque acabou o paseo, e seguín ata Canelas, baixei á praia e subín ata as beiras de Portonovo. Caneliñas comezaba a ter vida -debían ser as nove e media- e acelerei para chegar a Sanxenxo antes das dez. Agora, o ambiente era outro. Nin rastro da desfeita. Agora camisetas fosforito, zapatillas fosforito, leggins negros, corredores de caras conxestionadas. E lembreime do doutor Echegoyen e do seu Pombiña, cando unha vez, desde o barco no que eu ía, bromearon con tantas viradas e lle recomendaron cinguir caña e inclinar o barco. E el, no mesmo ton, contestara: “Os señores non facemos banda”, e pensei, “os señores non corremos, andamos”. 

Te puede interesar