Opinión

Percepcións e reivindicacións

Cada sociedade e cada tempo ten os seus problemas, o que significa que os retos son diferentes en cada momento. Os réximes cambian e a sociedade está en permanente evolución, polo que tamén o están as súas prioridades e necesidades básicas.

Non hai moitas décadas, anos cincuenta do século pasado, a nosa sociedade tamén tiña grandes problemas que resolver, grandes retos que afrontar. Pero naqueles anos, eses problemas non se percibían como tales, aínda que existían e padecíanse. Mais non eran reivindicados e, o non ter tal categoría, non había a necesidade de arranxalos de inmediato. Non eran prioridade. Nos anos sinalados non existía o concepto de paro, pero non había traballo e os nosos pais emigraban. Nos fogares había un escaso fluxo de enerxía; non había calefacción na maioría deles, e así un longo etc. Eran outros tempos onde a liberdade de expresión estaba secuestrada e todo era moi distinto ós nosos días.

Moito cambiou a nosa sociedade dende aquela e soamente pasaron dúas xeracións. E neste presente aparecen novos conceptos, que sumados ó da educación gratuíta e á sanidade universal, engádense á lista dos dereitos básicos. Pois ben, agora, como consecuencia desta crise emerxen, por seren unha necesidade vital, o dereito ó traballo, o dereito a ter acceso nunhas condicións normais a unha vivenda e tamén a uns mínimos de enerxía para facela habitable.

Vivimos no tempo no que todos temos un acceso maior a información; que, por termos máis datos, sabemos que a gran parte da enerxía que nos venden as grandes empresas é acadada das fontes naturais e que dalgunha maneira temos dereito a parte dela polo feito de sermos cidadáns deste espazo xeográfico. Sabermos que, nunha sociedade moderna, non todo debe estar rexido polo principio económico e da especulación; que os ríos e fontes de enerxía son patrimonio de todos, e por iso entendemos que nunha sociedade sen condicións pactadas entre a parte social e a empresarial non haberá unha harmonización humana que evite moitos e grandes conflitos.

Mais acontece que non todas as forzas políticas están dispostas a avanzar nese camiño. Non, e tamén acontece que nestes últimos anos, por mor da globalización, todo se puxo máis complicado. Pois o mundo da empresa circula libremente buscando lugares sen case dereitos laborais e sociais, mentres fuxe dos países onde logo quere vender o que produce. Busca soamente ós maiores réditos económicos.

En fin, as sociedades mudan, e as prioridades tamén. Veremos como se resolve este asunto que a tantos cidadáns esta deixando na pobreza. Veremos se nesta sociedade non se penaliza a transición cara as enerxías limpas con falsas escusas postas polas eléctricas e outras grandes corporacións. Pero, de momento, entre os moitos problemas que temos, anotemos outro que é a carestía permanente da enerxía que cada día precisamos para vivir.

Te puede interesar