Opinión

Poesía visual

A primeira vez que souben do director chino Zhang Yimou foi nos cines Alphaville de Madrid a finais dos anos oitenta cando asistín á proxección da súa película “Sorgo vermello”, que me deixou alucinado. Despois xa apareceron “Ju Dou, a semente de crisantemo” e “A lanterna vermella”, que obtiñan premios a moreas polos festivais que pasaban. Pero o gran éxito (de público e económico, pero non de calidade) chegoulle coa que posiblemente é a súa peor película: “Heroe”, coa que seguía o estilo que Ang Lee deixara con “Tigre e dragón”. Non obstante, Zhang Yimou insistiu e rodou “A casa das dagas voadoras”.

Esta fermosísima película pódese catalogar nese cine chamado de aventuras. As secuencias de acción da película son verdadeiras obras de arte. O filme é algo así como un tsunami, como un desprendemento que lle cae ó espectador por medio de imaxes incribles, dunha espectacularidade das secuencias que practicamente nunca se vira e, por suposto, a fermosura da historia. A famosa batalla do bosque de bambú creo que quedará xa para a posteridade. Como máis tarde lle lería a un crítico: ata as de Indiana Jones semellan cine francés”.

A casa das dagas voadoras” é unha asombrosa combinación de espectáculo, suspense, artes marciais, sinxeleza e, o dito, unha gran historia de amor. Visualmente perfecta. Que che rouba o alento e ata o corazón. A fealdade desterrouse deste filme. Non hai un só momento ingrato para a vista, cada segundo semella estar calculado para enaltecer o equilibrio de elementos preciso e necesario para compoñer unha imaxe de fermosura perfecta. Todo parece estar no seu sitio, cada movemento, cada color, cada pinga de auga.

A fotografía é prodixiosa (de aí que fora nomeada ó Oscar), un auténtico agasallo para os nosos ollos. O vestiario é  un espectáculo. E non falemos xa desas pelexas de artes marciais que, máis que pelexas, son danzas coreografiadas, cheas de beleza e de harmonía, nas que as dagas e as lanzas cobran vida e realizan xiros imposibles, como se de maxia se tratara. “A casa das dagas voadoras” é pura maxia, pura poesía visual. Ten todo na súa dose xusta. Absolutamente todo.

Te puede interesar