entrevista

"O PP ten a estrutura moi ben montada nesta Deputación e iso é difícil de botar abaixo"

fra
photo_camera Francisco Fraga, no Pazo Provincial.

Un ano despois de lograr o apoio da maioría de deputados para erixirse como voceiro do grupo do PSOE na Deputación, Francisco Fraga entende que o traballo realizado é o camiño para ofrecer solucións a Ourense e conseguir en 2019 chegar ó goberno

Un ano despois de lograr o apoio da maioría de deputados para erixirse como voceiro do grupo do PSOE na Deputación, Francisco Fraga entende que o traballo realizado é o camiño para ofrecer solucións a Ourense e conseguir en 2019 chegar ó goberno. Nembargantes, dá un tirón de orellas a aqueles que "só enredan" en cuestións internas, ó considerar que supón un desprestixio diante da cidadanía.

Cúmprese un ano do relevo. Síntese satisfeito co traballo? 

Foi un traballo continuo non só nesta casa, situando no centro do debate aquelas cuestións que afectan á provincia como a sequía ou os incendios, senón tamén unha labor constante de axuda ós diferentes concelleiros dos municipios.

Non se estaba a facer co anterior voceiro, Ignacio Gómez? 

Do pasado non quero falar, é unha etapa superada. Nós poñemos o enfoque en traer cuestións da provincia e o PP intenta outra idea que non se corresponde coa nosa. O presidente da Deputación múdase cos votos da cidadanía, que escolle ós concelleiros, que son os que definen os deputados. A premisa é apoiar ós concelleiros para que podamos cambiar a dirección política desta institución. Do pasado, só miro o que quero aprender.

Pero ese pasado está no grupo. É fácil traballar? Porque dá a sensación de que el vai por libre. 

Existe unha disciplina que todos deberíamos acatar. A lealdade é un valor e entender que o grupo está por encima das persoas é outro. Quero poñer en valor ós compañeiros (cita a todos menos a Gómez). A maioría non se dan golpes no peito, dicindo que son socialistas, porque non necesitan facelo, o seu traballo amosa que comparten esas ideas sen necesidade de proclamalo ós catro ventos.

O traballo de oposición chega a ser ingrato cun goberno do mesmo tantos anos con maioría absoluta? 

A labor de oposición é e imprescindible, non só para fiscalizar ou propoñer alternativas, senón porque se aprende moito a enfrontarse a unha realidade política. Dito todo isto, é evidente que a principal intención dunha oposición é gobernar, porque senón si é algo inútil e ingrato. Hai que ter unha estratexia, e non pasa polo insulto ni polo menosprecio.

Co que están a facer, cre que é posible chegar ó goberno? 

Estamos nunha situación difícil, temos unha provincia que vai a menos, moi lastrada por determinadas inercias e comportamentos políticos. O PP ten unha estructura moi ben armada en torno a esta Deputación e iso é difícil de botar abaixo. Pero por ser difícil, non debe deixar de ser o noso obxectivo.

O PP escoita e negocia? 

Á vista está que temos chegado a acordos polo ben da provincia, como recentemente cos incendios. Antepuxemos os intereses da provincia á intervención do seu portavoz, que non estivo á altura.

Pero, por exemplo, no tema dos incendios, o PSOE fixo unha proposta similar uns días antes. Cre que o PP se apropia ás veces de iniciativas? 

Pode ser, pero entra no xogo político. Pero se é bo, e pode mellorar a provincia, estamos dispostos a chegar a acordos, porque a política tamén é iso. Non vexo a política como algo frentista, é dañino para a cidadanía. O preocupante é chegar a acordos que logo se queden aí.

É de cara á galería moitas veces? 

Sí, e é o que nos preocupa, porque hai un traballo detrás.

Un dos caballos de batalla do PSOE é o reparto de fondos, pero parece imposible de mudar. Por que non cede o goberno? 

Falaba antes dun entramado para que o señor Baltar se manteña aí. Depende moito das axudas que lle dá ós concellos vía convenio, por iso lle interesa. Pero se queremos falar da modernidade, como fala o presidente cada dous por tres, hai que ver que o resto optan por un modelo de reparto non finalista, no que os concellos poden planificar e non depender de esmolas. Se a Deputación de Ourense quere ser moderna, esta é a proba do algodón.

Seguirán insistindo, entón? 

Imos seguir teimando. Máis tarde ou máis cedo, non lle quedará máis remedio que facer un plan similar ó do resto.

Baltar define os orzamentos como os do emprego e cooperación. Comparte esta afirmación? 

A realidade é teimuda e ano tras ano os datos califican os orzamentos, estes non sirven para a realidade. O seu xornal falaba esta semana da natalidade da provincia, é algo demoledor. Parece que o único mérito dos orzamentos é aprobalos antes que ninguén e en xaneiro xa están modificados. As cifras estatísticas desminten esas intencións, non mudan a realidade da provincia.

A Deputación está a outras cousas que non son as necesidades? 

Non pon o foco. Hai axudas para a natalidade, pero á vista está que non é suficiente. Ninguén ten un fillo por esa cantidade, senón por falta de estabilidade. Como están as conexións de internet no rural? É posible traballar alí? Hai unha fenda dixital. A iso nos referimos. 

“O das dimisións é inútil e daniño, pero cadaquén queda retratado"

Neste ano, insistía en deixar de lado as cuestións internas, pero parece imposible. Teme sobresaltos no grupo? 

Estou bastante tranquilo, porque estou aquí porque me dá a gaña, gústame a política, traballar para o público e ninguén me obriga, iso dame liberdade. Ata agora, en cuestións orgánicas estiven calado, pero que non falara, non quere dicir que non teña opinión. Pero sería malo, creo que hai excesos de odios, rencores e temos que estar por riba diso.

Que lle parece todo o que sucedeu coa dimisión de varios membros da executiva? 

É inútil andar enredando porque en menos dun mes haberá un novo secretario xeral elexido pola militancia. Para que? Para que algúns se queiran sacudir o rencor. O odio e o rencor non son bos compañeiros.

A militancia nota isto?

O segundo que quero transmitir e que é dañino, só se consegue facer dano ó partido e ir a posturas frentistas. É un sinsentido, pero cadaquén queda retratado.

Será posible saír unido? 

Eu entendín desde a elección de Gonzalo Caballero que se abría un novo tempo político, para trascender de liortas pasadas e niso estou. En menos dun ano estaremos elexindo candidatos ás municipais. É a mellor situación enfrontarse a iso con liortas internas? Entendo que non, é un sinsentido que para dous días que lle quedan á executiva, anden con estas vainas cunhas firmas recollidas en maio. Imos pedir o voto despois disto, volvémonos tolos? 

Ve alguen capacitado para liderar o partido a nivel provincial? 

Para non embarullar máis, prefiro non pronunciarme. Unha vez que se presenten compañeiros, manifestareime como xa fixen noutros procesos, pero como un militante máis, non como deputado nin concelleiro. 

Te puede interesar