TRADICIÓN

O prensado volverá aos antigos lagares de Oímbra

lagares_result
photo_camera De esquerda a dereita: Ana Villarino, Rosendo Fernández e Susana Rodríguez na presentación da actividade.

Realizarase unha recreación da actividade no Lagar de Xan Preto o domingo

Oímbra revivirá unha das súas tradicións máis ancestrais coa recreación dun prensado nun lagar rupestre. A actividade, que terá lugar este domingo ás 11,00 horas, centrarase no Lagar de Xan Preto e buscará, por unha banda, poñer en valor un dos produtos estrela da comarca -o viño- e, pola outra, demostrar que este municipio é, dende hai séculos, vitivinícola. 

No acto haberá uvas brancas de variedades que hai na comarca de Monterrei. Tal e como explicou a rexedora local, Ana Villarino, durante a presentación desta iniciativa no Pazo Provincial, será "unha experiencia lúdica e festiva para a xente da contorna que nos vai a retrotraer ás nosas orixes". A alcaldesa recordou na súa intervención que dende o Consistorio "estamos a traballar nun proxecto pioneiro que é o da realidade aumentada. As uvas que saian nas botellas do ano que vén -nas oito bodegas comerciais que existen no concello- levarán unha pegatina que permitirá, grazas a unha aplicación, facer realidade aumentada nese lagar e nesa bodega comercial". 

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, explicou que a actividade consistirá "nunha pisada de uvas tradicionais nun lagar datado do século dous." As uvas que se pisarán serán da finca que a administración provincial ten en Monterrei e que son cultivadas polo Inorde. "Trátase dunha actividade novidosa que se enmarca no binomio patrimonio e viticultura, e no que está traballando dende hai tempo o Concello de Oímbra", afirmou Rosendo Fernández. "Este municipio é o que ten maior concentración de lagares rupestres e, a través deste tipo de actividades, pon en valor a súa riqueza natural", engadiu. 

Susana Rodríguez, de Sustinea, manifestou que a iniciativa "se enmarca nos obxectivos da asociación de traballar pola conservación da natureza e da etnografía".

Te puede interesar