Opinión

Ou presupostos ou eleccións

Opasado fin de semana dúas forzas políticas clarificaron o camiño e xa se intúe cal vai ser a súa forma de actuar nos próximos meses. Os populares pecharon un congreso que tivo máis de escenografía que doutra cousa, pois non aportaron ningunha novidade nin proposta salientable digna de mención. Non houbo autocrítica pola corrupción, nin houbo tampouco referencias ós problemas que necesitan solucións urxentes. Mais ben houbo veladas ameazas. En fin, todo saíu segundo o previsto polo aplausómetro. Mariano saíu reforzado, e preso dese subidón de confianza lanzou ó vento unha frase: ou se aproban os presupostos ou eleccións; o que ven a ser o mesmo, ou podo seguir gobernando ou de novo a votar. 

No caso dos de Podemos, foi Pablo Iglesias quen saíu vitorioso e, á vista dos resultados, queda por ver cales son as propostas concretas e cribles para solucionar os problemas de todo o Estado, dado que falan e pretenden ser a alternativa ós populares. Días atrás foron os señores de Ciudadanos os que tamén celebraron o seu congreso. E nel despoxáronse do pequeno alcume de progresismo. O razoamento é que non son nin dun lado nin do outro. Son neutros, segundo a comenencia do momento; polo que, igual valen para tapar unha rachadela como para amañar un esfiañado traxe. Con todo, algo clarificaron. Son a muleta dos populares para o que se precise.

Agora faltan os señores do PSOE para que definan o seu camiño, supoño que baixo a liña socialdemócrata, pois se renuncian tamén a ela, xa poden ir formando unha coalición formal cos populares.

Parece pois que o panorama político a nivel de Estado vaise clarificando. Os primeiros soamente falan de que queren seguir facendo reformas. Eu diría contrarreformas que machacan sempre ós máis pero menos podentes. Ou sexa, máis liberalismo sen control, menos salarios, máis precariedade laboral e máis beneficios fiscais para os oligopolios e os poderosos.

Os segundos terán que cambiar o paso se queren pisar moqueta e facer cribles as propostas e solucións para os problemas de hoxe, que non son poucos. E terán que dicir como se poden subir salarios, aumentar as cotizacións á Seguridade Social, pagar pensións e cumprir cos límites impostos polos socios europeos. O tempo das milongas xa pasou. Pois soamente con axitar á xente na rúa e protestar non se gañan as eleccións e menos se arranxan as cousas.
E no medio deste ir e vir de congresos, é preciso sinalar que agora tamén é a hora de que a nivel galego se aclaren varias cuestións. A primeira é saber que acontecerá coa chamada Marea. Son eles mesmos ou débense ó que digan dende Madrid onde hoxe pouco pintan? Son realmente autónomos ou son unha franquicia de Podemos? Son libres ou non? Poden actuar tendo un futuro grupo propio nas Cortes Xerais?

Moitas cousas da política xa se clarificaron. Outras iranse aclarando axiña. Fíxense no barómetro de intención de voto que acaba de sair e o que di. En fin, quedan moitas preguntas que esperan resposta. Con todo, de momento, Rajoy avisa: ou presupostos ou eleccións. 

Te puede interesar