Opinión

Proposta simpática

Os ingredientes que constrúen unha película como “Buscando a Alibrandi” (2000) non están moi afastados dos que fixeron a fortuna de cineastas como as indias Gurinder Chadha ou Mira Nair, o vietnamita-americano Tony Bui ou a chino-americana Joan Chen: é dicir, historias de minorías nacionais máis ou menos exóticas en países nos que existen entre elas e os habitantes autóctonos fortes diferenzas culturais. Producida tamén nos anos en que este tipo de películas gozaban dunha forte simpatía (finais da década dos 90, aínda que aquí non se viu ata o 2005), “Buscando a Alibrandi” fala de italianos en Australia, de sicilianos que seguen facendo a salsa de tomate para todo o ano, bailan a música de consumo italiana dos 60 e, en xeral, compórtanse coma se non se afastaran nunca moito do seu lugar de orixe.

Outro dos elementos que constrúen a súa trama ten que ver coa reivindicación non feminista pero si dunha sensibilidade feminina que orienta e mantén o interese da trama: a fin de contas, do que fala o filme é de tres xeracións de mulleres da mesma familia, neta, filla e nai, por esa orde, ás que lle parece afectar unha sorte de maldición innominada, pero que se parece moito a non falar as cousas, a seguir mantendo segredos incluso para os máis achegados, a premiar o silencio sobre a sinceridade.

Con estes ingredientes, uns bos actores e algúns golpes de efecto construídos moi de cara á platea, o filme ábrase paso como o que nunca deixa de ser: unha proposta simpática, consciente dos seus propios límites, aínda que semelle falar (e de feito, fala) de cousas moi universais como o lugar no mundo de cada quen, da necesidade de honestidade, da solidariedade entre mulleres. Certo, ás veces ten un ton un chisco aburrido e algo previsible; pero en xeral aguántana uns personaxes ben construídos, unha trama trufada de elementos peculiares, e a propia conciencia da autora, Kate Woods, e da súa guionista, a novelista Melina Marchetta, de estar contando non a gran historia do cine australiano, senón unha trama cotiá e sensatamente narrada.

Te puede interesar