Axenda Cultural

O rap retranqueiro de SonDaRúa

20180728165547797_result
photo_camera Hugo Guezeta e Álex Arnoso, nunha das súas actuacións.

Hugo Guezeta e Álex Arnoso ironizan sobre o contexto que vive o idioma galego, sempre dende unha óptica anticapitalista de esquerdas.

Dende Ponteareas chega SonDaRúa, o grupo de rap en galego creado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso. Este grupo, que viu a luz no ano 2016, mestura as letras creadas polo primeiro coa base instrumental elaborada polo segundo. A eles súmase o DJ Iván Prieto, a última incorporación que chega a unha banda que mantén como temática central das súas cancións "a defensa da lingua galega, así como a crítica á situación de opresión na que se atopa actualmente o idioma", sinala o rapeiro Hugo Guezeta.


Ademais de dar cabida á temática lingüística, SonDaRúa caracterízase por un estilo propio e combativo co sistema social e político do país, declarándose "anticapitalistas e defensores dunha corrente esquerdista, que se reflexa de forma fiel nas nosas verbas". 


Nos seus dous anos de vida, a banda ponteareana, que estará este martes na praza de San Marcial da cidade (21,30 horas)  dentro do programa VeránEarte de Escua, xa pode presumir entre os seus logros de actuar en festivais de renome como Revenidas, celebrado en Vilagarcía de Arousa, ou o Festigal, en Santiago de Compostela.

Foi neste último onde Hugo e Álex gañaron a III edición do Concurso de Novos Valores do Festigal co seu rap "En galego non mola", unha sátira elaborada cun estilo retranqueiro no que se atacan os prexuicios asociados á lingua. O vindeiro mes de agosto debutarán no Rockin'Vila, un dos mellores espectáculos das Rías Baixas. 


"O estilo musical do grupo vén marcado por referentes do rap e do hip hop no panorama galego como Alto Asalto, Rebeliom do inframundo ou Dios ke te crew, con quenes compartimos inquedanzas sobre a sociedade actual ou sobre a realidade do galego", sinala Hugo.


Para explicar o éxito desta banda acadado en tan pouco tempo. destacan "a importancia da redes sociais como Facebook e Twitter, así como en plataformas como Youtube ou Spotify, por darnos a oportunidade de facer chegar as nosas letras a todos os recunchos de Galicia".

Te puede interesar