Opinión

Un recuar demográfico sen fin

O retroceso demográfico do noso país debería ser unha cuestión prioritaria, mais só de cando en vez ocupa titulares e preocupa a responsábeis da autonomía, e a forzas sociais e políticas.  A esta altura pódese constatar que non é un problema que atinxe exclusivamente ás comarcas do interior, xa que é evidente que a tendencia vai camiño de abranguer a toda Galiza, e as excepcións non mudan a valoración de conxunto. 

Dende a Xunta pretendese xustificar estes dados, tan regresivos, pedindo axudas a Madrid e Bruxelas. E dándolle folgos no subconsciente colectivo a un falso optimismo polo crecemento do PIB, do turismo e das exportacións. Utilizase o argumento de que: hai que medrar pra crear emprego e poder mellorar os salarios, evitando así as situacións de pobreza e marxinación. Polo tanto, seica estaríase no bo camiño, todo sería cuestión de esperar, de se axustar mellor ao contexto da globalización neoliberal e ás directrices dos mercados. E así levamos décadas. É verdade que o medre do PIB ten importancia e que a natalidade non tivo sempre o mesmo comportamento. Mais mantense unha tendencia que é desastrosa, de liquidación progresiva.

A mocidade non emigra en masa, nen renuncia a ter fillos e fillas, por moda, e por outra banda, o espellismo da emigración non é unha novidade, ten unha longa tradición na Galiza. Mesmo así o saldo demográfico foi positivo até hai poucas décadas. Porque agora o balance é tan negativo? Antes o rural galego, mesmo co seu atraso técnico, era quen de manter ás familias, coa súa destrución (modernización parcial) forzouse a emigración ao exterior e ás cidades, onde se converteron os labregos e labregas e os descendentes en man de obra barata. A esta problemática uníuselle a caída dos salarios e a degradación das condicións laborais, así como a concentración do comercio, en prexuízo dos/as autónomos durante a crise. 

Dúas foron as razóns pra que fose así. A primeira, a entrada na UE que favoreceu uns sectores e territorios (do Mediterráneo), e afectou negativamente a actividade gandeira e reduciu o sector naval e pesqueiro. Ao que se lle sumou o peche ou venda ao capital foráneo da maioría das empresas galegas punteiras, que son as que marcan as dinámicas económicas. Impuxésenos un retroceso na cadea de valor, respecto do que tiñamos dentro do Estado español, que xa estaba condicionado pola secular dependencia. Daquela que, o que se quixo solucionar coa Autonomía, polos sectores reformistas da nación galega, perdeu eficacia nas últimas décadas. O instrumento non  era o axeitado.

A segunda razón, é o medre da explotación laboral coa finalidade de manter e aumentar os lucros empresariais, nun mundo onde a disputa da riqueza e do poder o condiciona todo. Axudou nesta deriva a caída do chamado socialismo real, a revolución científico técnica, o control dos grandes medios, e ademais a globalización do comercio e as migracións masivas que permiten axustar a man de obra de reserva (desemprego, inmigración, deslocalización) aos intereses das corporacións. Daquela que se alente ás empresas galegas pra que fagan investimentos no exterior, que se gabe á mocidade que emigra, que se aplauda aos inmigrantes que chegan a moreas fuxindo da miseria, por falta de transferencia tecnolóxica e un intercambio comercial xusto. 

Galiza ten grandes potencialidades e recursos humanos, trátase de potenciar a investigación e o investimento. Porén, de pouco vale medrar en PIB se este crecemento non se traslada a un reparto  xusto do traballo e da riqueza, senón melloran os servizos esenciais, senón se protexe ás persoas dependentes e desempregadas, senón se avanza en democracia e soberanía. Só así a demografía sería positiva, e deixariase de tratar o problema como se fose unha mercadoría máis.

Te puede interesar