Opinión

Reflexións arredor do Día das Letras

Seleccionar a alguén para ser obxecto dalgún recoñecemento, para outorgarlle un premio por un traballo concreto ou mesmo para destacar a súa traxectoria vital -que é algo sempre subxectivo-, dende os Nobel ós premios máis humildes e sinxelos, tipo "veciño ou veciña do ano" do barrio ou da parroquia, constitúe por definición un acto inxusto por el mesmo. E dígoo eu, que aínda non me explico como levo participado en tantos xurados ó longo da miña vida, preguntándome con frecuencia quen son eu ou que méritos concorren en min para decidir por outras persoas.

Traio esta reflexión a colación da celebración do Día das Letras Galegas, que na súa 55 edición estamos hoxe mesmo a conmemorar, sen sabermos -malicio- aínda moi ben se o xeito como o estamos organizando é ou non é o correcto e se as persoas ás que se lle dedica, son ou non as realmente merecentes.

Non vou obviar a evidencia de que ensarillo esta reflexión tomando como base a persoa (á cal non lle vou furtar eu méritos ningúns e mesmo o agradecemento debido por ter abrazado a "fe" das nosas letras procedendo de terra non galeguizada e ser incluso quen de sementar amor por elas entre a crianza) á que se lle dedica este ano tal xornada. E fágoo, precisamente, porque igual que hai premios locais, municipais, comarcais, provinciais, de país ou universais, respectivamente os premiados -ou, mellor dito, a obra vital dos posibles premiados ou persoas recoñecidas- seguen ou deben seguir esa mesma escala. E cando a dimensión do recoñecemento e o perfil meritorio do premiado encaixa, entón é cando todos dicimos “albricias”, mentres que se hai demasiada diverxencia na escala entre un e o outro, a cousa -digámolo suavemente- "canta".

Entenderáseme ben se poño un exemplo de actualidade. Imaxine que o alcalde do meu pobo é un profundo admirador de Iniesta e que agora que lle andan repartindo aplausos por aquí e por acolá, porque o alcalde viviu, con aquel gol do mundial, un dos días máis felices da súa vida, se lle dá por nomealo fillo adoptivo da vila. Un pouco histriónico e desmedido. Non si?

Imaxine, pola contra, que na miña aldea houbera un versolari que tódolos anos polo entroido escribise, con grande dose de retranca e de habelencia rítmica, o testamento do burro, facendo un retrato social único dos aconteceres cotiáns da aldea. Seguro que sería unha farta de rir se eu mañá propuxese aquí que lle dedicaran o próximo Día das Letras Galegas. Non si?

Sirva, pois, como corolario o que vou dicir: Debullemos os miolos para definir dun mellor xeito o motivo anual de celebración do Día das Letras Galegas ou nuns anos estaremos dedicándollo ó versolari da parroquia. E por deus pido, que a ninguén se lle dea por pensar niso do libro e da rosa co que tanta baba lle cae a unha boa parte da "intelligencia" galega.

Te puede interesar