Opinión

Sábados de rapar e peitear

Stan Getz e Charlie Byrd andan a voltas co álbum Jazz Samba e este molgués que escribe senta na gloria seguindo o seu ritmo. Boa falta fai; que o día, para ser sábado, foi de rapar e peitear. Practicamente todos os sábados son de faca e callao. Para que despois moitos vaian por aí dicindo que bendita fin de semana e outras lindeces. A ver, como aquí non o podo dicir alto, si o vou dicir claro e con signo de exclamación: odio as fins de semana! Logo, para máis aquel, son funcionario... co ben que vivimos. E dígoo sen ningunha retranca. É máis, dígoo precisamente para aqueles que sempre andan esbardallando sobre o colectivo, para que lles abesoure máis.

Tamén teño dereito a ter mala conciencia. Coa música do saxo, a guitarra e a batería, entre outros instrumentos, soño cun domingo no que me amaine, no que me mingüe esta dor física que cabalga sobre este corpo mirrado. Si, tamén chegarán domingos de armas tomar. Porca miseria! Mais agora, largo para ver unha película.

Te puede interesar