SERVIZO SOCIAL

Sandiás estreará mañá tres novas vivendas sociais

<p></p>
photo_camera Na localidade de Couso arréndase unha das vivendas sociais rehabilitadas e prepárase outra.

Son antigas casas de mestres nas localidades de Couso e Piñeira

O Concello de Sandiás dá por concluída a rehabilitación e proceso de entrega das tres vivendas destinadas a alugueiro social. Trátase de instalacións que en tempos foron vivendas dos mestres que traballaban nas escolas unitarias. Dúas delas atópanse na aldea de Piñeira de Arcos e outra en Couso, nesta última localidade estase rehabilitando tamén unha cuarta estancia. Nos baixos das vivendas están actualmente instalados os tanatorios das aldeas.

O alcalde de Sandiás, Felipe Traveso García, afirma que esta iniciativa trata de contribuír a que todos os veciños do concello teñan garantidas "unhas condicións de salubridade e comodidade dentro dos parámetros normais". As vivendas levan anos sendo arranxadas polos distintos gobernos municipais, o último destinou 15.000 euros no arranxo das cociñas, antenas e estufas.

A contía do alugueiro é de 30, 60 ou 100 euros, que se establecen en cada caso en función dos recursos económicos dos demandantes. Os contratos iniciais teñen unha duración de tres anos, que se poderán prorrogar posteriormente.

A día de hoxe foron tres as persoas que solicitaron os alugueres. O alcalde explica que "dúas delas adxudicáronse en período ordinario a través de concurso público", no que só se presentaron dúas solicitudes. Porén, ao quedar libre unha vivenda, esta foi entregada mediante unha "tramitación de urxencia". Un dos requisitos mínimos para acceder ás vivendas é levar vivindo no concello polo menos un ano. Os inquilinos entrarán oficialmente nas vivendas o día 1 de xaneiro.

Te puede interesar