Opinión

Sapoconcho contra bolboreta

Estou sen amañar, díxolle María Ádega Grego a Dacio Aspirante. Estou espeluxada, acabou rematando. O seu amigo Dacio Aspirante mirou para ela e ríuselle na cara, claro. Porque el sabía, ela sabía, sabían os dous que iso era unha trapallada, unha trangallada. El, incluso ela, ou sexa, os dous sabían que era tan fermosa que deixaba a calquera coma un pan, que cortaba o impo. Dacio Aspirante quería unha foto da súa amiga. Sempre quería unha foto da súa amiga. Porque Dacio Aspirante quería facer honor ó seu apelido: aspiraba a que fora algo máis que amiga. Normal, con esa fermosura! Dacio non era parvo. E pedía, insinuaba, propoñía, recomendaba, deixaba caer directas e indirectas. Mais María Ádega Grego era moita muller para o probe “aspirante”. A súa amiga nacera no seo dunha familia que vivía nunha área concreta dunha, tamén, cidade concreta. E Dacio, máis ou menos o mesmo, pero pola outra beira. É dicir, algo así como comparar a lentitude dun sapoconcho co voo elegante e fermoso dunha bolboreta. Ou sexa, inalcanzable. Estou sen amañar. Estou espeluxada. Que lle importaba iso a Dacio Aspirante! Se el ía moito máis alá dunha cara bonita.

Te puede interesar