O sector empresarial apoia a promoción do ‘Camiño Xacobeo do Ribeiro’ ante a Xunta

 Asistentes á asamblea, no Centro Comarcal de Ribadavia. (Foto: Xesús Fariñas)
Representantes de concellos, asociacións culturais e do sector empresarial participaron onte en Ribadavia na asamblea constitutiva da Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro, na que se acordou preparar no prazo de dous meses un proxecto para presentalo ante o Consello da Cultura Galega.
O Centro Comarcal de Ribadavia acolleu na tarde de onte a asamblea constitutiva da Encomenda do Camiño Xacobeo do Ribeiro, unha entidade creada para a promoción da antiga ruta que comunicaba o norte de Portugal coa comarca vitivinícola para o transporte de mercadurías cara a Compostela.

Unha xuntanza á que asistiron representantes dos municipios ourensáns de Ribadavia, Padrenda, Cortegada, Pontedeva e Boborás e do pontevedrés de Forcarei, todos eles do itinerario comercial da Idade Media.

Tamén participaron directivos de asociacións coma o Centro de Estudios Medievais ou Amigos do Museo Etnolóxico e tamén un executivo do Grupo Caldaria, ‘que dende o sector empresarial está especialmente interesado en apoiar o noso proxecto’, sinalou Xoán Pablo Lorenzo Fariña, pre sidente da asociación Castela Auriense, que elaborou unha memoria encol da ruta ribeirá.

‘Nos estatutos que aprobamos contémplase a creación dun foro de estudos e documentación, que se encargará de visitar os concellos do itinerario e dese xeito facer uns ficheiros cos datos que sexan de interese’, engade Lorenzo Fariña. Os membros da organización confían en ter ultimado un borrador coas características do camiño ‘no prazo de dous meses, a fin de entregalo ó Consello da Cultura Galega e aqueles departamentos da nova Xunta que teñan competencias nesta materia’.

O concelleiro de Cultura de Ribadavia, Anxo Collarte, expresou a súa satisfacción pola resposata social e empresarial a esta iniciativa, se ben avogou por ‘dirixirse a aqueles municipios que aínda non se implicaron, a fin de explicarlles as vantaxes e beneficios que poden recibir se participan no proxecto’. Entre eles atópanse Beade e Leiro, na mesma comarca do Ribeiro, que non aprobaron en sesión plenaria das corporacións a súa adhesión á iniciativa de Castela Auriense.

Te puede interesar