XORNAL ESCOLAR

Os segredos da danza contemporánea

photo_camera Un momento da exhibición de danza, seguida atentamente polos escolares.

O programa didáctico da Concellería de Educación titulado "En Escena" contou coa participación de escolares de 5º e 6º de Primaria, que ademais de aprender moitos conceptos sobre este xénero artístico tiveron un papel moi activo

A Concellería de Educación do Concello de Ourense propuxo aos escolares de Ourense unha interesante actividade didáctica na que o tema central foi a danza. Baixo o título "En Escena" presentouse durante tres días no salón de actos da Escola Municipal de Música e Teatro de Ourense, dependente da Concellería de Educación, o programa didáctico de danza contemporánea no que participaron un total de 340 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria de nove centros de ensino da cidade. Esta actividade daba así resposta á demanda dos centros de ensino moi interesados nesta temática e así, durante tres días, os escolares foron pasando polo recinto municipal para participar moi activamente nesta actividade que tanto lles chamaba a atención nun principio e que finalmente superou todas as súas expectativas.

Os escolares que se sumaron a esta iniciativa chegaron do CEIP O Couto, CEIP Virgen de Covadonga, CEIP Seixalbo, CEIP Vistahermosa, CEIP Las Mercedes, CPR A Purísima, CPR Concepción Arenal, CPR Luis Vives e CPR Padre Feijóo.

Cada presentación de "En escena" tiña unha duración total de 75 minutos que comezaba cunha breve presentación do que son os principios básicos da danza. Despois desta demostración, expertos na materia foron os encargados de brindarlle aos escolares unha explicación práctica do funcionamento dun espectáculo de artes escénicas. O seguinte punto da actividade foi a actuación de dous dúos de danza contemporánea interpretados polos membros da compañía "SóloDos". Para rematar a actividade, organizouse un obradoiro no que os escolares foron os principais protagonista. Deste xeito, todos os asistentes tiveron a oportunidade de subir ao escenario e realizar unha pequena coreografía acompañada de música e ilumninación axeitada a cada presentación. Foi unha actividade sensacional, na que os escolares amosaron moita implicación en cada movemento, tamén coas expresións do corpo e no momento de compenetrarse coa música. 
 

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma