Opinión

Seixalbo cultural

Hai trinta anos, un grupo de persoas, a través da Asociación de Veciños San Breixo, poñía en marcha a primeira Semana Cultural de Seixalbo. Eran os tempos nos que os carteis e programas facíanse a man ou, se o prefiren, traballábase de maneira artesanal dado que tampouco había axudas económicas para aspirar a outra cousa. Os anos foron pasando e aquela idea inicial tomou corpo e, ano tras ano, tratando de encher o espazo que no seu día deixara a festa do padroeiro San Breixo, o tema cultural foise convertendo nunha cita obrigada no tempo da vendima.

Agora, cando miramos cara atrás e lembramos os comezos, tamén temos na mente ás persoas que xa non están e que colaboraron naquel proxecto inicial. E percibimos que a idea foi novidosa pois, daquela, nunha zona rural do concello tomábase unha iniciativa certamente descoñecida e nova, dado que a tradición soamente marcaba a celebración das festas e do Entroido. E no día a día municipal non había, nin hai hoxe, cabida para que na periferia chegue ou exista a vida cultural dunha maneira regular.

Moitas foron as actividades e persoas que pasaron por Seixalbo. Moitas foron as novidades que sempre se presentaban no entorno deses días. Lembro tamén que nunha daquelas citas (comezos dos 90), un entendido faláranos das autopistas da información e do que sería, anos máis adiante, Internet. Igualmente recordo persoas como Anxo Quintana, que anos máis adiante tiveron repercusión pública, e que pasaron pola vila falando da elaboración dos presupostos municipais e do plan especial de conservación. 

Neses trinta anos, pasaron por Seixalbo, para falarnos de diversas cuestións: naturalistas, médicos, cregos, concelleiros, alcaldes e un longo etcétera de persoas. E, de todo iso, sempre queda algo positivo. Agora podemos dicir que temos máis base para falar de cousas e materias que daquela eran, se non descoñecidas, sentidas moi lonxe polos veciños.

E como non podía ser doutra maneira, a Semana Cultural tamén abrangueu un espazo moi amplo para as actividades artísticas, sempre coa colaboración da Asociación Cultural Agromadas. Así houbo exposicións de artesanía, pintura, conferencia didácticas, teatro e actividades para nenos e, como non, moitos concertos de música sobre todo coral.

Máis co tempo chegou a hora da reforma, e de agora en adiante, o que antes era a Semana Cultural convértese en algo máis amplo: Seixalbo Cultural, pois con este cambio as actividades repártense durante un mes e resulta máis doado organizalas.

Este ano, a cita ten varios pratos fortes: unha representación teatral que será o próximo sábado no Auditorio de Penouzos, e o concerto de música que será o 8 de outubro na igrexa, sen esquecer o xantar de irmandade que anualmente se celebra no Campo da Infesta. 

Moitas serían as cousas positivas que podería contar e que aconteceron durante estes trinta anos de animación cultural; tamén moitos son os recordos para as persoas que axudaron e animaron o bo traballo da Asociación Veciñal. En fin, co desexo de que o bo facer siga perdurando no tempo, felicitar os organizadores e esperar que o Seixalbo Cultural dure moitos, moitos anos.

Te puede interesar