rabo de nube

Teoría do best-seller

dolores-redondo-1s

A novela ademais dun retrato cabalmente pintado da inspectora Amaia Salazar convida implicitamente a unha visita urxente ao Val do Baztán, eixo desta novela e da súa triloxía

Aproveitando que a edición de peto, reimpresión de 2017 (sen dúbida xa hai máis), ten un prezo axeitado, e de que outras lecturas nas que ando enguedellado pedían desengraxe decidín ler esta novela de Dolores Redondo. Da que vira, no seu momento, a película homónima, cunha Marta Etura inconmesurable facendo da inspectora Amaia Salazar. Así as cousas direi que a novela de (sub)xénero non ten por que ser frouxa no concepto, tópica nos plantexamentos nin previsible nas solucións. Esta, de Dolores Redondo (por máis que por momentos acade fórmulas de “grand guignol”), é dignísima e –sobre todo- atrapa, enguedella ao lector segundo avanza a historia que nos conta. Non outra que a dun asasino múltiple de rapazolas, que adorna os seus cadáveres cunha parafernalia entre pasteleira e dysneiana.

Dolores Redondo atrapa ao lector segundo avanza a historia que nos conta

Claro que Dolores Redondo (Donostia, 1969) é intelixente abondo como para sementar a súa novela con pistas falsas e achádegos sorprendentes, criando no lector unha sensación de desacougo, ademais do confort inevitable que acompaña a quen é habitual da novela de (sub)xénero. No meu caso, xa digo, esporádicamente, en trance de desconectar doutras lecturas, menos leviáns (digamos), o que fai que a miña capacidade de admiración medre. Cando me atopo, eis o caso, cunha novela tan ben resolvida, un pouco precipitado o remate, cando chegan as explicacións, mais de moi boa resolución. E un retrato, o da inspectora Amaia Salazar, tan cabalmente pintado que apetece seguir á dona. Entre outras cousas para saber se dá acadado o seu desexo de ficar embarazada. Un dos subtemas da novela de Dolores Redondo. Quen, pola outra parte, convida implícitamente a unha visita urxente ao Val do Baztán, eixo desta novela, e da súa triloxía. Á que chego tarde, sen dúbida, mais a tempo, porque o libro segue vivo e o interese pola súa autora non mingua. E eu, alégrome, porque escribir “best-sellers” non é nada doado. Aínda que moitas veces os seus autores (¿que foi daquel Vizcaíno Casas, vendedor de milleiros e milleiros de libros?) fiquen axiña na oseira do esquezo común. E outro día hei volver sobre este tema que semella do máis chamativo. No interín reitero o meu agrado diante deste pinchecarneiro estival.

Te puede interesar