Opinión

Terras de aquí e acolá

Cada vez que o fago síntome un verdadeiro privilexiado por ter para o meu só dispor as vereas, as ladeiras e os horizontes, as carballas, as plantas e os paxaros todos que habitan na miña contorna de Amoroce. Adoito facelo a media tarde, non sen antes deixar que o Pachín pegue dous ou tres choutos de ledicia xirando arredor de si tan pronto me ve coller a correa e a caxata que gardo do meu avó Enrique e que me serve de apoio para ir camiñar polos vieiros cercanos da Cortiña Grande ou da Casa da Neve e ó mesmo tempo darlle xeito mental, entre o silencio do ceo aberto e a policromía mudante da vexetación que me envolve, ós sarillos cotiáns desta columna.

Camiño eu por terras de aquí -mundos inmediatos, cabería axustar- que me levan de aquí para acolá e que xamais me resultan monótonos por máis que sempre sexan os mesmos, porque cada pensamento ten un espazo e un tempo, un punto irrepetible no mundo das catro dimensións que o fai certamente único.

Nisto cavilaba hoxe (onte para vostede) pola tarde denantes de me sentar a escribir estas liñas, facendo contraposición cartográfica mental entre estes mundos achegados polos que eu adoito pasear e pensar, e todos eses escenarios multiculturais –terras de acolá- que ó longo da súa traxectoria profesional leva cruzado cara os catro puntos cardinais o xornalista ourensán Luís Menéndez, primeiro como pioneiro dun xeito de facer televisión documental capaz de amosar cómo as xentes da emigración souberon alimentar e conservar a alma propia do seu pobo alén das nosas fronteiras e logo procurando escenarios culturais próximos, tanto nas "Terras de Merlín", como nas "Terras do Leste" ou nas "Terras de acolá", por máis que estiveran a milleiros de quilómetros de nós.

Froito desas vivencias, Luís Menéndez acaba de presentar unha fermosa serie de crónicas de viaxes que baixo o título de "Galleira passport" (pasaporte galego, en barallete) veñen a ser como exóticas esencias de cada unha daquelas paisaxes naturais e humanas que máis prenderon del e que convidan ó lector a deixarse guiar con engado seguindo o seu engaiolante perfume, porque, por máis que as mesmas teñan lugar en Mozambique, Angola, Brasil ou Timor-Leste, por máis que alumeen sobre a bruma de Cornualles, Bretaña ou a Illa de Man, ou mesmo polas semellanzas morfolóxicas da Galicja polaca, (onde, non mo crera, pero deu cunha Zelanowa coma a miña) tralos pasos da xornalista galega, Sofía Casanova, sempre, sempre deixan sinal nun ronsel de galeguidade -que eu diría tamén, de ourensanía- e que Luís fixo empatizar con estes meus-seus mundos cercanos portando galano unha boina que ó final "ficou aboiando" sobre augas abisais do sur do Pacífico.

Te puede interesar